Proxecto Universo
Reich

Dentro do XI Ciclo de Música Contemporánea de Lugo MIHLSons organizado pola Área de Cultura, Turismo e Promoción da lingua do Concello de Lugo, interpretouse «Music for 18 musicians» de Steve Reich. Este concerto é o colofón do proxecto Universo Reich, unha proposta pedagóxica interdisciplinar e intercentros no ámbito das Ensinanzas Artísticas de Réxime Especial.

Ao proxecto educativo da academia internacional Cardinais de Vertixe Sonora, súmase a Escola de Arte e Superior de Deseño Ramón Falcón, o alumnado dos Conservatorios de música de Galicia e de Danza de Lugo: 20 músicos, 22 bailaríns, 26 deseñadores gráficos, 11 deseñadores de interiores, 15 técnicos de serigrafía e 7 fotógrafos. Un total de 102 alumnos acompañados por unha ducia de profesores de distintas materias e especialidades. Toda unha experiencia de aprendizaxe colaborativa.

MUSIC
FOR 18 MUSICIANS

«Music for 18 musicians é unha peza que dura aproximadamente 1 hora. En canto á instrumentación, Music for 18 musicians é nova no número e na distribución dos instrumentos: violín, violoncello, 2 clarinetes que amén tocan clarinete baixo, 4 voces de muller, 4 pianos, 3 marimbas, 2 xilófonos e vibráfono. Todos os instrumentos son acústicos e o uso da electrónica limítase á amplificación con micrófonos das voces e dalgúns instrumentos.

A estrutura de Música para 18 músicos está baseada nun ciclo de once acordes tocados no inicio da peza que se repiten ó final. Todos os instrumentos e voces tocan ou cantan notas repetidas en cada acorde. Os instrumentos de corda imitan os patróns de subida e baixada da respiración feitas polos clarinetes baixo. A duración de cada acorde mantense durante dúas respiracións e a continuación introdúcese o acorde seguinte, e así sucesivamente, ata que os once acordes sexan tocados e o grupo volva ó primeiro acorde. Nese momento, o primeiro acorde pasa a ser mantido dun xeito repetitivo por dous pianos e dúas marimbas.»

Mentres este acorde é mantido durante uns cinco minutos, unha pequena peza ou motivo constrúese sobre el. Cando se completa esta pequena peza, prodúcese un cambio repentino ó segundo acorde e unha segunda peza pequena ou sección vólvese a construír. Isto significa que cada acorde que podería ter durado quince ou vinte segundos na primeira sección da obra é agora estendido cunha melodía repetitiva durante uns cinco minutos, do mesmo xeito que unha única nota no cantus firmus ou unha melodía cantada dun Organum de Perotin do século XII podía ser estirada durante uns minutos como o centro harmónico dunha sección do Organum. O ciclo de once acordes de Music for 18 Musicians é unha especie de cantus firmus repetido para toda a peza.

Descargar programa de man

STEVE
REICH

Steve Reich retrato

Considerado por moitos o mellor compositor americano do novo tempo, é un dos pioneiros do minimalismo na música.

Graduouse en filosofía na Cornell University, estudou composición na Juilliard School of Music e no Mills College. Tamén realizou estudos de percusión africana, música do Gamelán de Bali e canto litúrxico das Sagradas Escrituras Hebreas. O coñecemento destas músicas, así como o do jazz, están presentes nas súas composicións.

Nos seus inicios desenvolveu varias técnicas de composición musical como o uso de loops gravados en cinta, efectos de fase repetidas e novos conceptos musicais como a retro-alimentación con micrófonos ou prolongamento. Despois seguiu explorando novas formas de expresión musical coa utilización de conxuntos estritamente instrumentais.

Steve Reich ten recibido encargos de institucións coma o Barbican Centre de Londres, o Holland Festival, San Francisco Symphony, Festival de Viena, Hebbel Theater de Berlín, Brooklyn Academy of Music, e de intérpretes como o guitarrista Pat Metheny, o clarinetista Richard Stoltzman ou o Kronos Quartet. A súa música foi interpretada por agrupacións como a London Symphony Orchestra, New York Philharmonic Orchestra, Boston Symphony Orchestra, San Francisco Symphony, The Modern Ensemble, Ensemble Intercontemporain ou a London Sinfonietta. Gañou dous premios Grammy polas súas obras Different Trains e Music for 18 Musicians , así como os prestixiosos premios Praemium Imperial, Polar Music Prize, Pulitzer in Music e o Premio da Fundación BBVA Fronteiras do Coñecemento.

MINIMALISMO

O minimalismo na arte xurdiu na década de 1960 como unha reacción ao expresionismo abstracto. Os artistas minimalistas buscaban crear obras simples e limpas, afastándose da complexidade e o xesto emocional da pintura abstracta. Utilizaban materiais industriais e formas xeométricas básicas para crear esculturas e pinturas que eliminaban calquera tipo de ornamentación. Entre os artistas máis destacados do movemento atópanse Donald Judd, Dan Flavin, Carl Andre e Sol LeWitt. O minimalismo na arte influíu na estética da moda, a arquitectura e o deseño, e segue sendo unha corrente relevante na actualidade.

Na música caracterízase polo uso de patróns rítmicos e melódicos simples, e unha repetición constante de frases musicais. Esta música enfócase no uso da harmonía e a estrutura rítmica para crear unha atmosfera emocional.