Os pasados 26 e 27 de novembro, un grupo de estudantes do CFGS de Cerámica Artística viaxou a Aveiro (Portugal) para visitar a XV Bienal Internacional de Cerámica Artística. Unha actividade que xa é case unha tradición neste ciclo formativo, despois de varios anos sen faltar a esta cita.

No Museo de Aveiro / Santa Joana gozamos coa Exposición do Concurso Internacional. Un total de 477 artistas de 58 nacionalidades diferentes participaron nesta edición do certame da Bienal, entre as que un xurado escolleu as 128 que puidemos admirar na sala de exposicións temporais. As obras gañadoras foron anunciadas recentemente pola Cámara Municipal de Aveiro, organizadora do evento.

Neste mesmo museo tivemos ocasión de visitar outras dúas exposicións. En primeiro lugar, a Mostra I&D do DEMaC-UA, con proxectos de investigación e desenvolvemento tecnolóxico realizados no Departamento de Enxeñería de Materiais Cerámicos da Universidade de Aveiro en colaboración con empresas do sector. Por outra banda, a exposición do escultor de materiais e tecnoloxía Ross Lovegrove.

Na Galería da Antiga Capitanía de Aveiro achegámonos á obra do francés Jean-François Fouilhoux. No Museo de Arte Nova repasamos algunhas das obras premiadas nas anteriores edicións do concurso da Bienal. Ademais, no Museo da Cidade de Aveiro asistimos a unha exposición do ceramista luso Carlos Enxuto, titulada Acqua+32.

Na Galería Morgados da Pedricosa aproveitamos a oportunidade de admirar a impresionante colección dunha ceramista excepcional, O poder das mãos: o extraordinário imaginário de Rosa Ramalho. Tamén puidemos ver a estación de tren de Aveiro, recentemente restaurada, con paneis de azulexos e a mostra A metamorfose do corpo, de Celine Marie.

Xa o sábado 27 visitamos o Museo da Fábrica de Porcelana da Vista Alegre, en Ílhavo. Aquí se conserva a produción artística da fábrica nos séculos XIX e XX, amosando a evolución técnica e estética dos seus deseños. Na tenda contigua vimos tamén os deseños de última creación. Concluímos a viaxe visitando a Igrexa de Válega, obra prima da arte da pintura sobre azulexo cerámico. Tanto no seu interior como na fachada principal está vestida con magníficos paneis cerámicos policromados, realizados na fábrica Aleluia de Aveiro nos anos sesenta do século pasado.