O alumnado do CFGM de Serigrafía Artística e do CFGS de Gravado e Técnicas de Estampación realizou, o pasado 15 de outubro, unha viaxe cultural a Oviedo. Un complemento de formación coordinado pola profesora Faína Manchón e que nos levou a participar en Alma Gráfica, a V edición da Feira Internacional de Gravado Ciudad de Oviedo.

A finalidade de Alma Gráfica é crear unha plataforma de exhibición para o mundo do gravado e a edición de arte. Así, editores e artistas encontran aquí unha contorna na que darse a coñecer e contactar con coleccionistas e público en xeral. Abre espazos de reflexión sobre a cultura contemporánea, reconectando artes e edición coa sociedade. Ademais, as diversas vertentes de especialización dentro da arte gráfica fan que esta Feira sexa un foco de encontro para o seguimento da formación, produción propia, exhibición e difusión artística. Por iso o seu alcance supera límites locais e rexionais, situando este evento entre os referentes nacionais do sector.

Nada máis chegar a Oviedo visitamos o Museo de Belas Artes de Asturias, con 50 obras mestras da colección Abanca. Con esta mostra percorremos o mellor de tres dos movementos de vangarda máis importantes da pasada centuria: cubismo, abstracción e surrealismo. Ademais, a eles súmase unha selección do máis destacado da arte española da segunda metade do século XX, con representación dos principais movementos e artistas.

Picasso, Braque, Léger, Kandinsky, Klee, Dalí, Ernst, de Chirico, Miró, Torres-García, Maruja Mallo, González, Vicente, Guerrero, Oteiza, Chillida, Millares, Saura, Equipo Crónica, Sicilia, Campano, Broto, Barceló, Leiro, Juan Muñoz foron algúns dos nomes aos que nos achegamos. Por suposto, quedou tempo para deleitarnos coas grandes obras mestras da exposición permanente do museo.

Museo de Bellas Artes de Asturias

Image 1 of 4

A continuación visitamos a mostra de gravados da Fundación CIEC no Ilustre Colexio de Avogados de Oviedo, coa firma de Juan Genovés, Luís Seoane, Jesús Núñez, Amadeo Gabino, Barjola, Saura, Manuel Valdés, Tapies, José Caballero, Antoni Clavè, Palazuelo e José Hernández. Xa pola tarde, na Sala Borrón visitamos a 31ª Mostra de Artes Plásticas do Principado de Asturias, con excelentes explicacións da nosa guía. Da súa man coñecemos a obra da mierense Andrea Rubio, Premio Asturias Joven de Artes Plásticas 2021; así como de Pablo Casanueva, Sofía Hurtado, Pablo López, Mario M. Martínez, Pablo Pons Heres e Claudia Riesgo.

Sala Borrón

Image 1 of 4

Desde as 18:00 nos esperaban Israel Sastre e Inés Álvarez no Museo de Feas Artes de Asturias. Un proxecto artístico que materializa o desexo dos seus creadores, que dispoñen un espazo no que mostrar os seus traballos nun entorno non convencional, non suxeito á sobriedade característica das galerías de arte tradicionais. Cada recuncho é alí unha sorpresa fascinante, máis aínda coas explicacións de Inés e Israel. Tivemos a fortuna de visitalo na última ocasión en que abría as súas portas.

Museo de Feas Artes de Asturias

Image 1 of 5

Por último, no Edificio Trascorrales vimos os 44 marabillosos expositores de ‘Alma Gráfica’. Puidemos comentalos con algúns dos artistas, que nos falaron de como abordaran tecnicamente varias das súas obras. Xa pola noite, cansos pero moi satisfeitos, completamos sen incidencias a viaxe de regreso a Lugo; tras unha xornada intensa que esperamos repetir pronto.

Alma Gráfica - Oviedo 2021

Image 1 of 4

Desde a EASD Ramón Falcón queremos agradecer a Marta Fermín, presidenta da Asociación de Galerías de Arte de Oviedo e tamén directora de Decero Creativo, a posibilidade que nos ofrece de mergullar no mundo da obra gráfica con esta nova edición da feira.