Cando chega outubro, sabemos que o verán quedou definitivamente atrás e que toca poñerse a traballar ao cento por cento no curso recentemente comezado. E así foi tamén na nosa escola, na que o mes de outubro estivo cargado de actividade. Máis alá das clases e das rutinas habituais, os nosos alumnos tiveron oportunidade de viaxar a Oporto para asistir ao festival OFFF Porto e tamén de asistir a dous obradoiros con Ramón Álvarez Torres no centro.
A visita á cidade de Oporto dos alumnos de Deseño Gráfico comezou a mañá do 23 de outubro na Fundación Serralves, un centro institucional europeo centrado no fomento do arte contemporáneo a través de exposicións temporais. Pintura, fotografía, vídeo, debuxo e mesmo libros e esculturas, con autoras como Helena Almeida ou Tacita Dean como protagonistas, fixeron que a estrea en terras lusas fose do máis agradable e interesante.
A tarde do 23 de outubro e a xornada enteira do sábado 24 quedaron reservadas para gozar do festival internacional de creación contemporánea OFFF Porto. Alí puidemos compartir os coñecementos de creadores do nivel do deseñador barcelonés Héctor Ayuso ou do artista urbano Alexandre Farto, considerado un dos mellores do mundo na súa modalidade. Tamén houbo tempo para examinar de cerca o traballo de estudos como Solid Dogma, Vasava, Hellohikimori, Spin, Mill+ ou Vallèe Duhamel. Regresamos a Lugo cansos, mais felices por traer as mochilas ateigadas de inspiración e ideas.
Varias semanas antes, os días 2 e 9 de outubro, o mestre artesán Ramón Álvarez Torres estivo na aula 13 da escola para dirixir dous obradoiros co téxtil como centro. No primeiro deles puidemos repasar a súa traxectoria vital arredor do feito creativo, comprobando como o traballo multidisciplinar é fundamental para calquera que desexe desenvolver esta clase de oficios. No segundo puxémonos mans á obra para construír un tear seguindo as súas instrucións e consellos.
Sobre estas liñas podedes ver algunhas imaxes destas actividades: a viaxe a Oporto e os obradoiros con Ramón Álvarez Torres.