Non só de clases vive o alumno da EASD Ramón Falcón de Lugo. De cando en vez tamén nos gusta organizar actividades que rompan a rutina e acheguen algo interesante: relatorios de expertos, visitas a lugares de interese, excursións… Na práctica e no intercambio de coñecementos pódese aprender tanto ou máis que nunha aula; e sen dúbida, a combinación dunhas cousas e outras é o que nos leva cara unha aprendizaxe sólida e completa.
As fotos que podes ver sobre estas liñas corresponden a actividades dese tipo realizadas recentemente, durante este mes de outubro. Así, o pasado mércores 7 de outubro un grupo de 15 alumnos de segundo, terceiro e cuarto curso do Grado de Deseño de Interiores viaxou ata Santiago de Compostela. Non para visitar a Catedral nin para facer turismo, senón para obter coñecementos de tipo técnico: pola mañá visitaron as instalacións da fábrica de taboleiros de madeira de Finsa; pola tarde, pasaron pola Casa do Cabildo, rehabilitada polo Consorcio de Santiago, e pola Cidade da Cultura.
Dous días despois, o venres 9 de outubro, foi María Verónica Ramírez quen estivo na nosa escola. Esta artista plástica e realizadora audiovisual arxentina presentounos o seu filme ‘Ánima Buenos Aires’, unha longametraxe con catro pezas fundamentais e outra que consegue fundilas nun conxunto, coa capital sudamericana como tema principal e o concepto actual de cidade no fondo. María Verónica demostrou o seu carácter sinxelo e próximo, compartiu experiencias e algún exemplo do seu último proxecto; e mesmo deixou algúns regalos, como un flipbook, postais e xogos ópticos.
E por último, o mércores 14 de outubro recibimos a Juan Mariño Camarasa, alumno da escola hai cousa de 14 anos. Desde entón traballou en distintas empresas como deseñador gráfico, en cidades tan dispares como Avilés, Barcelona ou París. Na actualidade é xefe de departamento na multinacional Tyco, na localidade irlandesa de Cork. Como se o tempo non tivera pasado, regresou á aula 9 na que fora estudante, e falou improvisadamente cos alumnos do seu traballo e o seu percorrido persoal e profesional nestes anos. As súas palabras foron unha inspiración e un impulso para todos.