Se tes pensado estudar Deseño Gráfico, Deseño de Interiores, Fotografía, Gravado, Serigrafía ou Cerámica Artística, queremos que teñas en conta a posibilidade de facelo na EASD Ramón Falcón de Lugo. Existen moitísimos motivos para escoller a nosa escola; e para demostrarcho, imos contarche algúns dos máis importantes, sexa cal sexa a titulación que prefiras:
- Formación de máxima calidade. Terás que comprobalo por ti mesmo; do que si podemos falarte é dalgunhas condicións que axudan a que isto sexa posible. Por exemplo, sempre formarás parte de grupos pequenos, dun máximo de dez persoas nas clases prácticas e vinte nas teóricas. Deste xeito, a formación que te ofreza o profesor ou profesora será practicamente personalizada.
. - Titulacións de baixo custo… ou mesmo gratuítas! A matrícula para as ensinanzas superiores (Deseño Gráfico e Deseño de Interiores) custa 350 euros, aproximadamente a terceira parte do que adoitan custar os estudos deste nivel. O resto das titulacións son gratuítas… só te custarán un bo investimento en ganas e esforzo 😉
. - Todas as titulacións son oficialmente válidas no Espazo Europeo de Educación.
. - Escollas os estudos que escollas, terás que levar a cabo un proxecto final equiparable a un traballo profesional; e tamén terás a oportunidade de facer prácticas externas en empresas.
. - O ambiente da escola. Este é outro dos puntos fortes da nosa escola: quen chega aquí, faino por vocación na práctica totalidade dos casos. Isto supón que aquí atoparás xente con aspiracións, ideas e motivacións moi similares ás túas, algo que contribúe a crear unha atmosfera especial no centro.
. - Lugo. Por calidade de vida, polo economicamente asumible que é vivir nesta cidade, polo seu entorno natural, polo seu patrimonio histórico, pola súa gastronomía… poucas cidades como a nosa para estudar e gozar do tempo de lecer.
. - Futuro laboral. Son moitas as empresas que contactan coa escola solicitando contar cos nosos alumnos. Isto, ademais de probar que atoparás portas abertas ao finalizares estudos e prácticas, demostra que o nivel formativo non só satisface ao alumnado senón tamén ás empresas, dispostas a formalizar contratos laborais.
Se aínda non estás convencid@, anímate a facernos unha visita. Estaremos encantados de recibirte!