Na axenda 2021 do deseño, o FEED era unha cita ineludíbel. Por suposto, o alumnado de Deseño Gráfico da EASD Ramón Falcón aproveitou a ocasión de participar no evento.

Así, alumnas e alumnos asistiron ao obradoiro Sistemas visuais flexibles, con Elio Salichs de Twopoints.net. A creación dun sistema visual a partir do círculo foi todo un divertimento para estudantes e profesora. O mesmo día, despois de comer, chegou o maratón de relatorios: accesibilidade con Laurent Ogel e a súa embarcación eléctrica, Júlia Esqué e o proceso do pensamento creativo a través de conceptos, e Laura Hernández e a nova virtualidade.

Despois dun breve descanso, aproveitado coa visita á exposición From Spain with Design, regresamos. Ana Moliz coa presentación da súa investigación sobre o emprego da tipografía en publicacións independentes e o máis interesante, as súas conclusións. Pablo Honey, quen ocupou o lugar de Jhon Maeda na compañía encargada do desenvolvemento de WordPress —Automattic.com— falounos das últimas novidades na usabilidade do xestor de contidos web. Para finalizar, a colorista Verónica Fuerte de Hey Estudio.

Deseño Gráfico no FEED 2021

Image 1 of 13

Unha xornada completa de coñecemento e deseño, na que aprendemos, compartimos e gozamos xuntas. A actividade foi organizada pola profesora Natalia Crecente, quen agradece a participación e dedicación das compañeiras de actividade Laura Morejón, Alberto Paz, Uxía López, Raquel Bouza, Carla Montes, Ian Díaz e Catalina Muñoz.