Se queres estudar na EASD Ramón Falcón de Lugo, terás que realizar unha preinscrición antes de formalizar a túa matrícula. A preinscrición serve para determinar se podes acceder directamente aos estudos do teu interese ou se tes que presentarte a probas de acceso.

Trala celebración das probas de acceso, elabóranse e publícanse nesta páxina web unhas listaxes. Nelas indícase a puntuación obtida polos aspirantes no proceso de acceso, indicando ademais cales obtiveron praza.

Nos seguintes apartados atoparás todo o que necesitas saber sobre o proceso, desde a preinscrición ata a matrícula inicial. Le con atención a información do teu interese para coñecer os pasos a seguir para acceder aos estudos que desexes realizar.

 



Condicións das persoas aspirantes a acceder aos Estudos Superiores de Deseño

Quen pode acceder directamente aos Estudos Superiores de Deseño?

As persoas que estean en posesión dun título de técnico superior de Artes Plásticas e Deseño poderán acceder ás Ensinanzas Superiores de Deseño sen realizar a proba específica de acceso. En todo caso, deberán inscribirse e completar o proceso de acceso e admisión segundo o calendario do curso correspondente.

Reservarase un 20% das prazas ofertadas en cada especialidade para aspirantes en posesión dun título de técnico superior en Artes Plásticas e Deseño.

Se estás pendente da avaliación do teu proxecto final, ou da avaliación final de ciclo, para obter un título de técnico superior en Artes Plásticas e Deseño na convocatoria de xuño, e en consecuencia non dispós do título antes de acabar o prazo de inscrición, poderás inscribirte igualmente no proceso de acceso e admisión nos Estudos Superiores de Deseño. Deberás presentar unha certificación que acredite que solicitaches dito título para a formalización da túa matrícula no prazo ordinario establecido no calendario do curso correspondente.


Quen debe realizar probas de acceso?

Poderás acceder aos Estudos Superiores de Deseño realizando unha proba específica se estás nalgunha das situacións seguintes.

  • Estar en posesión dun título de bacharelato (ou un título declarado equivalente a efectos académicos).
  • Ter superado a proba de acceso á universidade para maiores de 25 anos.
  • Ter accedido á universidade por unha vía distinta ao bacharelato e acreditar posesión dun título universitario de licenciado ou graduado. Se estás en posesión dun título universitario de diplomado, deberá estar asimilado ao correspondente título universitario de grao.
  • Se tes algunhas materias pendentes do bacharelato, podes iniciar o proceso de acceso e admisión. Se superas a proba de acceso, poderás optar á asignación dunha praza unha vez dispoñas do título de bacharelato.

Ademais de cumprir polo menos un dos requisitos anteriores, terás que presentarte e superar a proba específica de acceso aos Estudos Superiores de Deseño. No apartado ‘As probas de acceso’ atoparás información, detalles e exemplos do formato e contido desta proba.

Se non estás en ningunha das situacións anteriores, podes acceder aos Estudos Superiores de Deseño realizando unha proba de acceso substitutiva do requisito de titulación. Para isto é imprescindíbel que teñas 18 anos ou máis no ano natural de celebración de dita proba, ou que vaias a cumprilos antes do 31 de decembro. Tamén terás que facer constar o teu desexo de realizar esta proba no epígrafe correspondente da túa inscrición. Ademais, o día en que se realice a proba terás que presentar un documento oficial de identidade e a copia da folla da solicitude de inscrición. No apartado ‘As probas de acceso’ atoparás información, detalles e exemplos do formato e contido desta proba.

O 80% das prazas ofertadas en cada especialidade adxudícanse a través do procedemento que inclúe probas de acceso.


Circunstancias especiais: persoas con discapacidade e deportistas de alto nivel

A EASD Ramón Falcón de Lugo reserva un 10% das prazas ofertadas para o acceso mediante proba específica en cada especialidade a persoas que acrediten unha discapacidade igual ou superior ao 33%. De non ser adxudicadas, estas prazas ofreceranse a outras persoas aspirantes, na orde que corresponda.

Ademais, as persoas aspirantes que acrediten unha discapacidade poderán presentar unha solicitude para adaptar os medios e condicións de realización das probas de acceso. Dita documentación deberá achegarse na inscrición no procedemento de acceso e admisión nas Ensinanzas Superiores de Deseño.

Adicionalmente, reservaranse as prazas necesarias para aspirantes coa condición de deportista galego de alto nivel ou rendemento que reúnan os requisitos académicos establecidos.



Presentación de solicitudes de acceso

Os prazos de presentación de solicitudes de acceso publícanse no taboleiro de anuncios da EASD Ramón Falcón e nesta páxina web nas datas indicadas na convocatoria oficial para cada curso académico.

As solicitudes deberán facerse de forma telemática, cubrindo o formulario dispoñíbel en www.edu.xunta.gal/eas. Necesitarás un certificado dixital ou dispoñer do sistema Chave365.

Tamén se poderá formalizar a inscrición na secretaría da EASD Ramón Falcón, de maneira presencial. De feito, as persoas que só dispoñan de pasaporte como documento oficial de identidade terán que facelo deste modo.

Na túa solicitude terás que indicar, por orde de preferencia, a especialidade que desexas cursar e a escola á que desexas acceder. O máximo é de catro opcións. Da mesma forma, deberás sinalar a escola na que desexas realizar as probas de acceso.

Para completar o proceso de inscrición terás que presentar unha copia da túa solicitude, xunto á documentación requirida, na secretaría de calquera Escola de Arte e Superior de Deseño de Galicia.


Que documentación necesito engadir á miña solicitude?

Nos apartados anteriores fomos indicando en que casos debes presentar cada documento ou acreditación. Aquí tes un resumen de todos os posibles documentos que podes ter que presentar. En función das túas circunstancias, terás que presentar uns ou outros.

  • Copia do teu DNI, NIE ou pasaporte.
  • Xustificante de abono dos prezos públicos e certificado de exención ou redución, se é o caso. Deberá ser un destes modelos:
  • Documentación académica, segundo proceda:
    • Título de bacharelato ou titulación equivalente.
    • Certificación académica de ter superado a proba de acceso á universidade para maiores de 25 anos.
    • Título universitario que cumpra as condicións indicadas anteriormente.
    • Título de técnico superior en Artes Plásticas e Deseño ou certificación académica na que figure ter realizado o depósito do correspondente título.
    • Certificado de superación da proba substitutiva do requisito de titulación de bacharelato. Se estás pendente de realizala, terás que facelo constar na túa solicitude e a túa admisión quedará condicionada á superación da mesma.
  • Documento acreditativo do grao de discapacidade e solicitude de adaptación de medios e condicións de realización da proba de acceso, se é o teu caso.
  • Documento acreditativo da condición de deportista galego de alto nivel ou rendemento, se é o teu caso.


As probas de acceso

Os lugares e datas de celebración das probas de acceso publícanse no taboleiro de anuncios e a web da EASD Ramón Falcón de Lugo nas datas indicadas na convocatoria oficial para cada curso académico.


Proba de acceso substitutiva do requisito de titulación

No apartado ‘Quen debe realizar probas de acceso?’ explicamos en que circunstancias pode ser preciso que realices esta proba. Ademais, no apartado ‘Presentación de solicitudes de acceso’ atoparás a información relacionada coa solicitude e a documentación necesaria para inscribirte nas probas.

A proba versará sobre contidos e materias comúns do bacharelato. Aquí tes unha listaxe das materias sobre as que deberás examinarte, con exemplos de exercicios correspondentes a convocatorias anteriores. Para coñecer con máis detalle o modelo de exame deste ano, podes consultar a convocatoria oficial, publicada no Diario Oficial de Galicia.

A proba cualificarase en termos de apto/a ou non apto/a. O seu resultado é válido para todo o estado español, non caduca e pódese realizar noutros centros de FP e outras EASD. As cualificacións provisionais, contra as que se poderán presentar reclamacións, colgaranse nos taboleiros de anuncios e webs das EASD de Galicia. Posteriormente publicaranse as cualificacións definitivas e remitiranse a cada centro os correspondentes certificados de superación daqueles aspirantes que teñan sido cualificados como aptos/as.


Proba de acceso específica

No apartado ‘Quen debe realizar probas de acceso?’ explicamos en que circunstancias pode ser preciso que realices esta proba. Ademais, no apartado ‘Presentación de solicitudes de acceso’ atoparás a información relacionada coa solicitude e a documentación necesaria para inscribirte nas probas.

A proba consta de dúas partes:

  • Primeira parte. Durante un máximo de dúas horas, a partir dun texto, imaxe e/ou material audiovisual proporcionado polo tribunal, os aspirantes deberán realizar por escrito un comentario crítico e razoado e responder ás cuestións que o tribunal formule ao respecto.
    • Nesta parte da proba, o tribunal valorará a compresión dos conceptos, a utilización da linguaxe, a capacidade de análise e síntese e o nivel expresivo e expositivo amosados, a capacidade para desenvolver razoadamente ideas e argumentos, o coñecemento dos valores significativos do deseño en xeral no contexto histórico, cultural e socioeconómico e a identificación e valoración dos movementos artísticos e intelectuais máis representativos en relación co deseño.
  • Segunda parte. Durante un máximo de catro horas, os/as aspirantes realizarán dous exercicios de debuxo.
    • Primeiro exercicio: Realizar un debuxo mimético a man alzada, do natural ou a partir dun modelo facilitado polo Tribunal. Este debuxo será realizado a lapis de grafito sobre un papel tamaño DINA3.
    • Segundo exercicio: Realizar a man alzada os debuxos definidos polo tribunal seguindo o modelo do exercicio anterior e utilizando os sistemas e técnicas de representación máis axeitados.
    • Nesta parte da proba o tribunal valorará a fidelidade representativa, os coñecementos amosados e a exactitude e limpeza da execución.

Aquí tes exemplos de convocatorias anteriores da proba específica.

Cada unha das partes da proba cualificarase nunha escala de 0 a 10, con dous decimais. A cualificación final será o resultado da media aritmética das cualificacións obtidas en ambas. Considerarase superada a partir dunha cualificación de 5,00 puntos. O seu resultado só faculta para matriculación no mesmo ano en que se realice. As cualificacións provisionais, contra as que se poderán presentar reclamacións, colgaranse nos taboleiros de anuncios e webs das EASD de Galicia. Posteriormente publicaranse as cualificacións definitivas; así como a listaxe final de aspirantes admitidos en cada especialidade.



Adxudicación de prazas

As listaxes de adxudicación de prazas, tanto provisionais como definitivos, publícanse na web da EASD Ramón Falcón nas datas indicadas na convocatoria oficial para cada curso académico.

As vacantes existentes en cada especialidade das Ensinanzas Superiores de Deseño adxudícanse segundo as cualificacións obtidas nas probas de acceso ou, se fose o caso, segundo a cualificación do expediente académico do aspirante. Atenderase á especialidade e escola que cada aspirante teña sinalado como primeira preferencia na súa inscrición. De non obter praza, teranse en conta os lugares sucesivos.

O 80% das prazas ofertadas en cada especialidade adxudícanse a través do procedemento que inclúe probas de acceso. Reservarase un 20% das prazas ofertadas en cada especialidade para aspirantes en posesión dun título de técnico superior en Artes Plásticas e Deseño. Se estas últimas non quedan cubertas, adxudicaranse a aspirantes que teñan superado as probas de acceso.



Matrícula: prazos e documentación a presentar

Unha vez completado o proceso de acceso e admisión, os aspirantes que teñan obtido praza deberán formalizar a súa matrícula dentro dos prazos indicados na convocatoria oficial para cada curso académico.

Aquí tes os impresos de matrícula:

Ademais deste impreso deberase entregar tamén a seguinte documentación:

  • Certificado da titulación académica requirida.
  • 2 fotos de carné (cos apelidos e o nome no reverso).
  • Fotocopia do DNI (se es alumno sen expediente no centro: DNI orixinal e fotocopia).
  • Pago do seguro escolar (exentos os maiores de 28 anos).
  • Pago de taxas administrativas.

As matrículas que non inclúan toda a documentación necesaria ou realizadas fóra de prazo non serán admitidas.

Finalizado o prazo ordinario de matrícula, no caso de non cubrirse todas as prazas ofertadas, abrirase unha nova adxudicación de prazas. Os prazos para realizar a correspondente matrícula comunicaranse a través desta web. Se continuasen quedando prazas vacantes, poderase establecer un calendario de probas extraordinarias en setembro, que será publicado nesta web. Os aspirantes que obteñan praza por esta vía disporán dun novo prazo para realizar a súa matrícula.

Información para aspirantes estranxeiros

Se es extracomunitario, terás que achegar a seguinte documentación para matricularte.

  • Tarxeta de residencia.
  • Homologación dos teus estudos para o territorio español, ou fotocopia da solicitude de dita homologación.

Se es comunitario, terás que achegar a seguinte documentación para matricularte.

  • Homologación dos teus estudos para o territorio español, ou fotocopia da solicitude de dita homologación.

Os aspirantes que non acheguen esta documentación non poderán realizar a súa matrícula e perderán o dereito a matricularse no centro neste curso.