O vindeiro xoves será unha xornada moi especial na EASD Ramón Falcón de Lugo. É o día no que celebraremos a festa do patrón das ensinanzas artísticas, San Antonio María Claret, así como o comezo do curso 2015/16, no que xa levamos inmersos algunhas semanas. Dous acontecementos que, sen dúbida, ben merecen un evento como o que estamos preparando; unha Xuntanza para reunir a alumnos, ex-alumnos, profesores, ex-profesores e persoal non docente. Ou, dito doutro modo, todos os que somos un anaquiño da escola.
O inicio do evento está previsto para as 18:00 do xoves 29 de outubro. A esa hora quedará inaugurada a exposición conxunta que recolle os proxectos de fin de carreira do curso pasado dos alumnos de todas as titulacións: Deseño Gráfico, Deseño de Interiores, Cerámica, Gravado, Serigrafía e Fotografía. Xusto a continuación anunciaremos os nomes dos gañadores do Premio Extraordinario e o Accésit.
A música empezará a soar na escola ás 19:00 da man do grupo ‘EnClave’. Un trío formado no ano 2011 polo galego J. Miguel Castro, o valencián Ximo Pallás e o madrileño Mateo Arnáiz. Se non os coñeces, sorprenderate a súa particular maneira de xogar co tango e con influencias de todo tipo, desde jazz ata música clásica. Se tes curiosidade, podes botar un ollo ao dossier da banda e coñecer a súa traxectoria con máis detalle.
Como non podía ser doutro xeito, na cafetaría da escola servirase un ágape para todos os participantes. Será unha Xuntanza para gozar daquilo que, un curso máis, formamos entre todos: a Escola de Arte e Superior de Deseño Ramón Falcón de Lugo. Non faltes á cita!