O traballo real, a formación práctica, é un complemento indispensable para culminar a etapa académica antes de ingresar definitivamente no mundo laboral. Por iso todos os alumnos da EASD Ramón Falcón de Lugo teñen garantidas prácticas en empresas, unha experiencia que lles serve para aplicar os coñecementos adquiridos na escola.
Pero alén de todo o que supón traballar nunha empresa real desde os puntos de vista académico e laboral, a vivencia persoal tamén pode ser gratificante. Sobre todo, se nos ofrece a oportunidade de estar nun contorno novo e incluso practicar un idioma. E iso é o que están a facer María López e Sila Ferreiro, alumnas do Ciclo Formativo de Grao Medio de Serigrafía Artística, na súa estancia en Cork (República de Irlanda).
Grazas ao programa ‘Lucus Mundi’, xestionado polo Concello de Lugo, estas dúas alumnas pasarán tres meses traballando nunha empresa irlandesa. Ademais de axudas económicas para os seus gastos de viaxe, aloxamento e manutención, María e Sila recibirán un curso intensivo de inglés en Irlanda.
Sobre estas liñas podedes ver algunhas imaxes do seu novo centro de traballo e do lugar onde residen. Estamos convencidos de que esta experiencia lles servirá de moito, tanto persoal como profesionalmente; e que tamén elas serán capaces de achegar cousas moi interesantes á empresa na que pasan este período de prácticas.