Por fin chegou o día que levabamos agardando todo o verán. O día do comezo do novo curso, unha xornada de presentación que sempre é sinónimo de novas caras e novos folgos; de profesores, alumnos e persoal da escola coas pilas ben cargadas para afrontar un ano de traballo en común.
As previsións meteorolóxicas non erraron e a mañá luguesa veu cargada de chuvia. Non tivemos máis remedio que sobrepoñernos ás nubes e á auga para acudir á cita no Salón de Actos da EASD Ramón Falcón. Seguindo a axenda establecida, os primeiros en chegar foron os alumnos das Ensinanzas Artísticas Superiores de Deseño (Deseño Gráfico e Deseño de Interiores), recibidos desde as 11:00. Despois, a iso das 12:00, chegaron os que cursarán Ensinanzas Profesionais (Gravado, Serigrafía, Cerámica e Fotografía). A mañá concluíu coas primeiras reunións de todos eles cos seus titores.
Neste curso 2015/16 son máis de 85 os alumnos e alumnas que inician na escola unha nova etapa na súa vida académica. Non hai maior satisfacción que a de ter o aforo case completo! A partir deste mércores, día 16 de setembro, todas as titulacións estarán en funcionamento, cos novos estudantes e cos que xa están avanzando nos seus estudos.
Lembra que desde comezos de setembro tes dispoñibles os horarios dos distintos cursos das seis titulacións, no apartado Alumnos > Horarios da barra superior da páxina. Por aquí deixamos, por se queres descargalo, o calendario oficial do curso 2015/16, que como verás ten pequenas modificacións dependendo de cal sexa a titulación na que esteas matriculado.
A data que xa podes ir marcando na túa axenda é a do 29 de outubro. Como sabedes os veteranos (e como debedes aprender os novatos), ese día celebraremos o San Antonio María Claret, o patrón das ensinanzas artísticas. Cando se achegue o día iremos dando detalles, pero podemos adiantarvos que será un día de festa. Haberá unha exposición cos vosos traballos e proxectos, premios para os mellores expedientes académicos, música en directo e un ágape para concluír.
Pero xa teremos tempo para falar de celebracións. Polo de agora… comezamos a traballar!