Categories: Colaboraciones

Como ben sabes, na EASD Ramón Falcón de Lugo estamos convencidos de que para aprender, ademais de estudar, hai que practicar. É preciso experimentar, atreverse a probar cousas novas e mesmo cometer erros para mellorar como creadores e como profesionais. Por iso tentamos animar a todos os nosos alumnos a levar á práctica os coñecementos que adquiren nas aulas.

Iso é o que veñen de facer Vanesa Mel Varela, Erika Rodríguez e Tania Penoucos, tres alumnas de primeiro curso do Ciclo Formativo de Grao Superior de Fotografía na nosa escola. O pasado xoves 4 de febreiro, elas foron as encargadas de levar a cabo unha reportaxe fotográfica na cerimonia de entrega da quinta edición do Premio Joven Empresario de Galicia; un acto que tivo lugar no Museo Interactivo de la Historia de Lugo (MIHL).

Este premio, que outorga AJE Galicia, pretende recompensar e fomentar o emprendemento, así como dar visibilidade aos novos empresarios que loitan e innovan en Galicia. Por iso no acto estiveron presentes diversos persoeiros da comunidade, como o presidente da Xunta Alberto Núñez Feijóo, o presidente da Deputación de Lugo Darío Campos e a alcaldesa de Lugo Lara Méndez. Entregáronse os premios ‘Joven Empresario de 2015’ e ‘Joven Emprendedor de 2015’, así como tres mencións de honra á internacionalidade, á innovación e á creación do emprego. A encargada de deseñar os trofeos para os vencedores foi María Isabel Carril Quiroga, alumna de primeiro curso do Ciclo Formativo de Grao Superior de Cerámica Artística.

AJE Galicia compartiu na súa páxina de Facebook as fotos das nosas tres alumnas. Podes ver a reportaxe completa premendo na ligazón. Tamén podes pasar por YouTube para ver o vídeo completo da gala, grazas á Fundación TIC.