O 17 de xuño, data límite para inscribirte nas probas de acceso ao Ciclo Superior de Artes Plásticas e Deseño en Cerámica Artística, está cada vez máis cerca. A proba de madureza terá lugar o 26 de xuño e a proba específica será o 9 de xullo, como xa te contamos neste blog. Aínda non tomaches unha decisión? Se o mundo da cerámica te atrae, estamos seguros de que non te vas arrepentir de matricularte nesta titulación na EASD Ramón Falcón de Lugo no curso 2015/16.
Este ciclo formativo de grao superior está pensado para facilitarte a adquisición de criterios estéticos que che axuden no teu proceso creativo, así como para que desenvolvas as túas destrezas e capacidades técnicas. Son dous cursos académicos, un total de 120 créditos ECTS. Nese tempo poderás comprobar que os motivos para estudar o ciclo dos que che imos falar son reais, ademais de descubrir moitos máis a través da túa propia experiencia persoal.
- Moito máis que creación de pezas artísticas. Grazas a este ciclo estarás preparado tanto para afrontar o proceso de deseño como para planificar todo o proceso de produción. Non só coñecerás os segredos do traballo con cerámica: serás un profesional completo na materia.
. - Dous grandes camiños para exercer a túa profesión. Poderás integrarte nunha empresa do sector, con total garantía de adaptación a calquera fase da produción; ou emprender o teu propio camiño, decidindo en que, como, cando e onde te sentes máis cómodo traballando.
. - En liña co anterior, gozarás dos beneficios da dobre condición á que terás acceso: cerámica como expresión artística, cerámica como actividade profesional. Por algo dedicamos un post a amosarvos que hai saídas profesionais para os estudos artísticos 😉
. - Terás o privilexio de dominar un arte universal e histórico: desde o mesmo neolítico, case todas as civilizacións do mundo a traballaron á súa maneira.. De feito, o noso coñecemento da historia sería infinitamente menos preciso de non ser polo xeneroso legado da cerámica.
. - Lembra que, como todas as impartidas na EASD Ramón Falcón de Lugo, esta é unha titulación oficialmente válida no Espazo Europeo de Educación; e que terás garantidas prácticas en empresas ao rematares os teus estudos.
..
Aquí tes toda a información para inscribirte nas probas de acceso. Se desexas facernos algunha pregunta, resolver algunha dúbida ou trasladarnos calquera consulta, podes deixar un comentario neste mesmo post, chamarnos por teléfono ao 982 220 790, ou escribirnos un correo electrónico. Falamos?