Categories: Diseño gráfico

Por motivos evidentes, Internet converteuse nun recurso fundamental para calquera deseñador gráfico. Na rede podemos atopar infinidade de recursos de todo tipo, algúns gratuítos e outros de pago, que nos axudan a ampliar os nosos coñecementos e mellorar a calidade dos nosos traballos. Seguro que coñeces moitos webs ou aplicativos verdadeiramente interesantes e queremos invitarte a compartilos nos comentarios deste post. Pero, por se che resultan útiles, imos nomear cinco que nos parecen proveitosos. Se xa os probaches, tamén podes deixar por aquí a túa opinión sobre eles 🙂
.

1. Imaxes libres e gratuítas

A miúdo temos a necesidade de empregar unha fotografía nalgún deseño, pero non sempre podemos dispoñer de fondos para escoller unha de pago. Por iso é boa idea ter sempre a man algúns webs que ofrecen imaxes gratuítas, libres de dereitos. Se sabes como buscar, atoparás materiais moi aproveitables! Entre os nosos preferidos están Pixabay, Stokpic e Pexels. Non deixes de botarlles un ollo!
.

2. Roda cromática

Precisas tomar decisións sobre cores? Comprobar como funciona unha combinación concreta? Crear unha paleta para un traballo determinado? Mesmo coñecer os códigos RGB e HEX dunha cor que queres empregar? Para todo iso e para moitas cousas máis podes usar esta estupenda roda cromática.
.

3. Book Cover Archive

Se tes interese no deseño de libros, xa deberías ter engadido Book Cover Archive aos teus favoritos. Un impresionante arquivo con centos de deseños dos que poderás aprender antes de realizar os teus propios traballos. Ademais, permite realizar buscas por títulos, deseñadores, data de publicación…
.

4. Fonts in Use

Un web de referencia para deseñadores gráficos e especialmente para tipógrafos: Fonts in Use. É de gran axuda para identificar fontes; e no seu blog (actualizado cada mes, aproximadamente) tamén atoparás un montón de artigos interesantes.
.

5. Information Aesthetics

E se o que te gusta son as infografías, debes coñecer Information Aesthetics. Aínda que está en inglés e leva xa algún tempo sen ser actualizado, este blog contén moitísimas ideas para avanzar no deseño de información gráfica. Seguro que aprendes algo!