O último xoves de cada mes de outubro sempre é unha data sinalada no calendario da EASD Ramón Falcón de Lugo. Ese día celebramos a festividade de San Antonio María Claret, patrón das Ensinanzas Artísticas; e ademais, aproveitamos esta xornada para organizar ‘Conexión’, a nosa tradicional festa de comezo de curso.

Por iso todo o alumnado, persoal docente e non docente da escola ten unha cita o xoves 28 de outubro a partir das 19:00. A esa hora procederemos a inaugurar a exposición con traballos do alumnado durante o pasado curso 2020/21. Ademais de darvos a benvida, entregaremos os Premios Extraordinarios e a Mención de Honra á Creatividade e a Innovación correspondentes ao último curso académico, desde as 19:15 no Salón de Actos. Un pouco máis tarde, ás 19:30, presentaremos un novo número da Revista NM, realizada polo alumnado de Deseño Gráfico.

Para rematar os actos ofreceremos un ágape na cafetería, gozando ademais coa animación musical das pandereteiras de ‘A Volta do Agro’.

Premio extraordinario Ensinanzas Superiores de Deseño: Patricia Andión Marchena (estudante de Ensinanzas Superiores de Deseño Gráfico).

Premio extraordinario Ciclos Formativos de Grao Superior: Aníbal Balbona Sánchez (estudante do CFGS de Gravado e Técnicas de Estampación).

Premio extraordinario Ciclo Formativo de Grao Medio: Hugo Maseda Braña (estudante do CFGM de Serigrafía).

Mención de Honra á Creatividade e a Innovación: Natalia Pía Conde Díaz (estudante do CFGS de Cerámica Artística).