Categories: A escola

Chegou xuño, chegou o verán… e como cada ano, nesta época tócanos pechar unha etapa, outro curso que queda atrás. Unha vez máis, temos a sorte de chegar a este momento sentíndonos orgullosos de vós, os nosos alumnos e alumnas, do esforzo que fixestes a diario e do talento que moitos soubestes demostrar. Queremos felicitar de forma moi especial a aqueles que vides de finalizar os vosos estudos. Desexámosvos a mellor das fortunas nos vindeiros pasos do voso camiño.

Esta é a nosa despedida dixital ao curso 2014/15; pero como moitos e moitas sabedes, o pasado xoves 18 xa nos despedimos na escola. As fotos que vedes sobre estas liñas corresponden á nosa festa de despedida, na que puidemos gozar dunha exposición dos vosos traballos, da música proposta por Charly Dj e dun pequeno ágape. Un final distendido e animado tras moitos meses de traballo.

Tras este punto e aparte, na EASD Ramón Falcón de Lugo xa preparamos o curso 2015/16, para que os que regresedes tralas vacacións atopedes unha escola aínda mellor; e os que iniciedes os vosos estudos vos sintades cómodos desde o primeiro día. A nosa actividade nas canles dixitais tampouco se vai deter; e nas vindeiras semanas compartiremos neste blog e tamén nas nosas contas en redes sociais (Facebook, Instagram, YouTube e Twitter) algúns dos proxectos finais deste curso nas distintas titulacións.

Vémonos pronto!