Categories: Exposiciones

Intelectual comprometido, editor, pintor, debuxante, ilustrador, gravador, muralista, deseñador gráfico, cartelista, deseñador industrial, escenógrafo teatral, poeta, narrador, guionista, ensaísta, comunicador en prensa escrita e radiofónica, crítico e teórico das artes, emprendedor… Todo isto e moito máis foi Luis Seoane, para algúns o grande creador galego do século XX. E iso é dicir moito.

Luis Seoane Figuras estáticas, 1959. Col. Fundación Luis Seoane. Imaxe tirada de MARCO

Luis Seoane Figuras estáticas, 1959. Foto tirada de Marcovigo.com

A súa é un achega fundamental sen a que hoxe a cultura galega sería diferente en moitos dos campos que desenvolveu. Eis a chave da exposición que ata o vindeiro 22 de setembro podes visitar no Marco de Vigo e que proximamente nos visitará no Museo Provincial de Lugo. E xa nos tarda!

O obxectivo principal desta mostra é intentar achegarse ao Luis Seoane como un creador total, buscando puntos de unión e relación entre as distintas disciplinas que noutras exposicións foron tratadas de xeito parcial ou individualizado.

Luis Seoane. Retrato de esguello proxecta a expresividade da cor na súa pintura e tapices, a súa extraordinaria sensibilidade para o debuxo, e a súa capacidade e dominio das técnicas do gravado e da pintura mural, da que se inclúen bosquexos e documentos gráficos. Tamén o seu inxente labor editorial como impulsor de coleccións ou diagramador de revistas, como ilustrador e deseñador de cubertas e como editor, onde xogou un papel fundamental no desenvolvemento do libro en Arxentina, sempre coa
cultura galega como pano de fondo.

Pezas deseñadas por Luis Seoane para Sargadelos. Imaxe tirada de Marcovigo.com

Pezas deseñadas por Luis Seoane para Sargadelos. Imaxe tirada de Marcovigo.com

Todo está presente nesta exposición. Luis Seoane. Retrato de esguello abrangue os seus máis de cincuenta anos de traxectoria artística cunha selección de pinturas, debuxos, gravados, acuarelas, tapices, obra cartelística, bosquexos murais, deseños cerámicos, publicacións, poesías, así como o seu labor de comunicador e militante cultural, porque, como di o folleto da exposición:

Todo cabe cando un mira de esguello e descobre que, para Luis Seoane, unha cabeza nunca é unha e pode desdobrarse de fronte e de perfil.

Onde e cando podo visitala?

A exposición Luis Seoane. Retrato de esguello podes visitala ata o 27 setembro de 2015 nas Salas de exposicións do andar baixo do Museo de Arte Contemporánea de Vigo. O horario é de martes a sábados de 11:00 a 14:30 e de 17:00 a 21:00, mentres que os domingos é de 11:00 a 14:30.

Ligazóns de interese