Entre el 23 y el 29 de febrero, la profesora María Vázquez disfrutó de una movilidad de profesorado, dentro del programa Erasmus+. Su institución de destino fue la University of Sarajevo – Academy of Fine Arts (Akademija likovnih umjetnosti Sarajevo). Dejamos aquí el relato que ella misma hace de su experiencia.
Esta mobilidade do profesorado está incluída no convenio 2018-1-ES01-KA107-049848 baixo a denominación Rede internacional para o intercambio de coñecementos e boas prácticas en Arte e Deseño. E a actividade está englobada dentro da categoría KA1-Asistente – Formación recibida nun período de observación e outras actividades.
A mobilidade tiña unha duración de cinco días (máis dous de viaxe) e desenvolveuse entre o luns 24/02 e o venres 28/02. Fíxose en conxunto coas Escolas de Arte de Oviedo e de Pamplona, así que os representantes que se desprazaron a Sarajevo foron tres:
– EASD Ramón Falcón (Lugo): María Vázquez López
– Escuela de Arte de Oviedo: Agustín García Benito
– Escuela de Arte de Pamplona: Luis Miguel Alonso Nájera
Debido a problemas de transporte (unha tormenta atrasou a aterraxe en Viena, última das escalas antes de chegar a Sarajevo, e tivemos que pasar a noite en Viena e voar a Sarajevo o propio luns) a actividade comezou o luns pola tarde, en lugar de facelo o luns pola mañá como estaba previsto. O noso anfitrión na Academia de Belas Artes de Sarajevo foi o seu vicedecano Srdja Hrisafovic, que comezou por amosarnos as instalacións do seu centro educativo.
A Academia de Belas Artes, dependente da Universidade de Sarajevo, ofrece seis estudos adaptados ao Plan Boloña (desenvolvidos en catro cursos)
– Pedagoxía da Arte
– Escultura
– Pintura
– Gravado
– Deseño Gráfico
– Deseño de Produto
A primeira reunión co profesor Hrisafovic consistiu nun intercambio de información acerca dos estudos que se impartían na Academia e dos que se ofrecían nas diferentes Escolas de Arte. Os seguintes días estiveron marcados polas actividades:
– A primeira actividade foi facer as presentacións das diferentes Escolas de Arte representadas e a súa oferta educativa ante diferentes grupos de alumnos, procurando non interferir na habitual marcha das clases. Os responsables desas presentacións foron cada un dos profesores desprazados a Sarajevo.
– O profesor García Benito (EA Oviedo) desenvolveu unha clase práctica para o todo o alumnado dos estudos de Escultura.
– A profesora Vázquez López impartiu unha clase maxistral sobre Arte Contemporánea Española para os alumnos de todos os estudos da Academia.
– O profesor Alonso Nájera impartiu unha clase maxistral sobre Escenografía para o alumnado de 4º curso dos estudos de Deseño de Produto.
Todas estas actividades foron complementadas por unha visita á cidade vella de Sarajevo (Baščaršija) guiada polo noso anfitrión, que nos amosou os lugares máis típicos e co que compartimos unha deliciosa comida típica bosnia. O profesor Hrisafovic amosounos tamén parte do seu labor como deseñador de iluminación urbana, visible nas rúas da Baščaršija pero tamén na reconstrución da Biblioteca de Saraxevo (destruída por un bombardeo e incendio na guerra de Bosnia) e na Fortaleza Branca (Bijela Tabija).
O tempo que quedou libre despois das actividades programadas na Academia de Belas Artes aproveitámolo para visitar varias exposicións, entre elas as da Galería Nacional de Bosnia- Hercegovina (Umjetnička galerija Bosne i Hercegovine), onde puidemos ver, ademais da colección permanente, unha exposición temporal moi interesante sobre o cartelista estadounidense Milton Glaser. E tamén para ver interesantes museos como o Sarajevo Museun (Muzej Sarajeva), que aborda o período austro-húngaro da cidade, entre 1878 e 1918 e que ocupa un edificio que se levanta no lugar xusto do atentado que custou a vida ao arquiduque Francisco Fernando e que foi o detonante da I Guerra Mundial. Unha das visitas máis ilustrativas foi á exposición que se pode visitar na Biblioteca de Saraxevo, onde se facía un recorrido visual sobre a construción do edificio e sobre o seu papel na cidade ao longo do tempo, así como o seu proceso de destrución na última guerra e a súa posterior reconstrución.
Tamén puidemos acercarnos á cidade de Mostar para poder admirar o seu casco histórico e a súa ponte sobre o río Neretva para pasar despois polo antigo mosteiro derviche de Blagaj (Baglaj Tekija) que se levanta á beira dun acantilado xusto no nacemento do río Buna.
Como resumen pódese dicir que foi unha experiencia moi interesante tanto a nivel académico como a nivel cultural xa que Sarajevo é unha cidade que une Oriente e Occidente en cada unha das súas manifestacións (relixiosas, culturais, artísticas, gastronómicas…) e que foi, ademais, protagonista de importantísimos acontecementos históricos. O máis recente, a guerra que tivo lugar entre os anos 1992 e 1996, aínda ten as súas pegadas visibles na cidade, ben en forma de cemiterios esparexidos por todos os outeiros que rodean á cidade ou como cicatrices de proxectís e morteiros nas fachadas dos seus edificios.
María Vázquez
Haz clic en las imágenes para verlas a mayor tamaño