Din que todo o bo ten un final, mais algúns de nós resistímonos a que rematasen este ano as Microxornadas 2016! Foi unha semana intensa para a Escola pero que pagaron moito a pena porque tiramos proveito de cada un dos relatores que tiveron a ben aceptar o convite para compartir o seu tempo e a súa sabedoría con nós.
As Microxornadas 2016 comezaron o luns 14 da man nada máis e nada menos que con Enric Godes, de Vasava Studio, todo un referente do deseño barcelonés ao que acompaña unha boa filosofía de traballo. Segundo nos relatou Enric, Vasava inviste os seus «beneficios en proxectos que nos gusten, deficitarios pero cunha grande repercusión». E nós engadimos que son fantásticos. Se non os coñeces, podes pasar pola súa páxina web para botarlles un ollo.
O martes foi a quenda de Jairo Aldana, realizador de V Televisión que tentou abrirnos a mente para que «pensemos en interactivo», a nova realidade que chegou para quedarse nos medios de comunicación e que domina o grafismo na pequena pantalla.
Un dos pratos fortes das Microxornadas serviuse o mércores en dúas grandes sesións. Para elas, os convidados foron Costa Estudio, unha empresa que non só se dedica ao deseño en múltiplos planos, senón que gozan do proceso de creación e, sobre todo, do reto de «practicar con cada cliente a capacidade de adaptación a ese proceso«. Para eles, «facer da comunicación visual é toda unha experiencia, pero é necesario estar desde o inicio do proceso, na toma de decisións» para ter un resultado óptimo. Dani Benbibre deixounos para a tarde o seu obradoiro de creación de porfolios do que abofé tiramos moito proveito.
O profesor Marcos Dopico foi encargado de asinar o colofón ás Microxornadas 2016 co seu relatorio sobre Tipografía e identidade corporativa. Segundo Marcos, «para unha grande empresa non só é rendible crear unha tipografía personalizada, senón que se converte nunha marca» de distinción nun mercado cada vez máis competitivo.
Desde este post queremos agradecer a Enric Godes, Jairo Aldana, Dani Bembibre de Costa Estudio e Marcos Dopico que aceptasen o convite da Escola para estar con nós. Estámosvos eternamente agradecidos e lembrade que tedes a porta aberta da Escola para cando queirades. Foi todo un pracer poder aprender de grandes profesionais e agardamos que todo o alumnado tirase proveito.