O pasado 20 de novembro foi unha xornada intensa para os nosos alumnos de Deseño Gráfico. Un día que comezou con visitas ao Museo Nacional de Ciencia e Tecnoloxía (MUNCYT), onde coñecemos curiosidades dos robots e de inventos como a cremalleira; e á galería Vilaseco, onde aprendemos algúns dos segredos de Desescribir, un estudo galego de deseño e arquitectura. Pero o prato principal era a visita ao FEED 2015, o foro de deseño organizado pola Asociación Galega de Deseñadores (DAG).
Pola tarde tivemos a sorte de escoitar a varios referentes no mundo do deseño. Pepe Barro descubriunos o deseño feito en Galia, compartindo coñecementos a través do conto do símbolo gráfico de Zeltia. Miguel Sabel, de Designit Madrid, falounos de modelos de negocio e deseño de servizos. Óscar Otero explicounos detalles sobre os tres pés do deseño web: accesibilidade, interactividade e tipografía. E por último, Massimo Menichinelli ofreceunos algunhas claves para comprender o concepto de deseño aberto (open design).
Por outra banda, no mes de decembro fomos nós os que recibimos importantes visitas na escola. O día 4 foi o arquitecto Luis Gil Pita, que nos falou da cadeira, un moble humilde e leal ao mesmo tempo; unha forma moi especial de arquitectura dentro da arquitectura. E o 10 de decembro chegou a quenda do arquitecto, profesor e académico Xosé Manuel Casabella López. Da súa man fixemos un fondo repaso pola historia do deseño e a arquitectura moderna.
E non queremos esquecer que os alumnos de Deseño Gráfico visitaron recentemente o Centro de Aplicación da Luz (CAL) de Lledó Iluminación na Coruña. Unha maneira perfecta de pechar o ano 2015, proclamado pola ONU como Ano Internacional da Luz e as Tecnoloxías baseadas na luz. Serviunos para coñecer a enorme cantidade de aplicacións que pode ter a iluminación, en ámbitos moi diversos.
Podes ver algunhas fotografías de todas estas actividades na nosa páxina de Facebook.