Categories: Fotografía

Un ano máis, a Área de Cultura da Universidade de Santiago de Compostela organizou o ‘Maratón Fotográfico do Campus de Lugo’, en colaboración co Grupo Fotocinematográfico Fonmiñá e ao abeiro do programa Lugo Cultural. Na vixésimo primeira edición deste certame, 54 participantes percorreron a cidade da muralla e os seus arredores buscando captar imaxes que fosen reflexo do tema proposto: ‘Asimetrías en Lugo’.

Un tema que non coñeceron ata a propia xornada do concurso a primeira hora da mañá. Desde ese momento, dispuxeron dun prazo de 28 horas para presentar a súa mellor foto sobre ese tema, así como unha adicional de temática libre; utilizando libremente cámaras dixitais ou analóxicas. Máis recentemente, o pasado 15 de decembro, quedou inaugurada na Sala de Exposicións Isaac Díaz Pardo (pavillón central da Facultade de Veterinaria) a exposición do Maratón Fotográfico. Ademais das imaxes gañadoras, nela pódese ver unha fotografía de cada un dos participantes. Os galardoados nesta edición, entre os que hai algún estudante da nosa escola, foron os seguintes:

  • Premio Carlos Valcárcel á mellor fotografía do tema ‘Asimetrías en Lugo’: Alejandro Real Novo, pola fotografía Do seminario ao ceo. 450 euros en metálico, diploma e trofeo.
  • Premio á mellor fotografía do tema libre: Begoña Pérez López pola fotografía Vai de Rúa. 300 euros en metálico, diploma e trofeo.
  • 1º Accésit á mellor fotografía do tema Asimetrías en Lugo: Patricia Fernández Pereira pola fotografía Os Tetris da Vida.
  • 1º Accésit á mellor fotografía do tema libre: Olaya Mourenza Flórez pola fotografía Composición Libre 1.
  • 2º Accésit á mellor fotografía do tema Asimetrías en Lugo: Alba Regueiro Rubio pola fotografía Dandelion.

A mostra pode visitarse de luns a venres laborables de 09:00 a 21:00, ata o sábado 31 de xaneiro.

.
Obradoiro fotográfico con Luis Malibrán

Por outra banda, o xoves 26 de novembro os alumnos do segundo curso de Fotografía participaron nun obradoiro dirixido polo reputado fotógrafo de moda Luis Malibrán. Puidemos ver de preto a súa dinámica dentro do estudio cunha OM-D E-M1 e utilizando aplicacións como Olympus Capture; ademais de coñecer mellor a súa técnica e a súa creatividade no control da iluminación, o movemento e a atmosfera.