O pasado martes 20 de outubro, os nosos alumnos do Ciclo Formativo de Grao Superior de Fotografía desprazáronse á cidade da Coruña para visitar o Paraninfo da Reitoría da UDC. O motivo, asistir a unha master class co fotógrafo bilbaíno Ricky Dávila, programada co gallo do XII Premio de Creación Fotográfica Luis Ksado. Xa é o segundo ano consecutivo que aproveitamos o certame para gozar dun destes relatorios, tan didácticos como entretidos.
Ricky Dávila é un artista recoñecido con galardóns como o World Press Photo, o Premio Ortega y Gasset, o Fotopress 95 ou o Best American Picture of the Year nos Estados Unidos. Non moitos poden presumir dunha traxectoria tan ampla e ao tempo tan fonda como a súa, con traballos de fotoxornalismo como ‘Herdeiros de Chernóbil’ ou o que realizou no orfanato de Tashkent (Uzbequistán); completados con proxectos con tintes máis intimistas e emocionais en etapas máis recentes.
Foron un total de dezaseis os alumnos de primeiro e segundo de Fotografía os que viaxaron ata a cidade herculina. Ademais de escoitar as experiencias e as opinións de Ricky Dávila, puideron tomar contacto con outros membros da comunidade fotográfica galega. O certo é que nesta ocasión foron os propios alumnos os que propuxeron asistir ao relatorio recordando a grata experiencia do ano pasado con Isabel Muñoz. A experiencia volveu ser un éxito neste 2015, e de feito, algúns decidiron prolongala indo tamén á charla con Pierre Gonnord o mércores 21 de outubro.