Hai pouco máis dunha semana, o pasado xoves 29 de outubro, celebramos na escola a nosa ‘Xuntanza’. Unha festa anual en homenaxe a San Antonio María Claret, patrón das ensinanzas artísticas; que aproveitamos para reunir a todos os que formamos parte do centro, profesores, alumnos e persoal non docente.
O evento comezou coa inauguración da exposición colectiva cos proxectos e traballos dos alumnos da escola. Sobre estas liñas tedes algunhas imaxes; e tamén publicamos outras nas nosas redes sociais. Se aínda non o fixestes, recomendámosvos pasar pola escola e botar un ollo. Paga a pena!
A continuación fixemos entrega dos premios aos mellores expedientes académicos. Sergio Navarro Porto, alumno de Deseño Gráfico, foi o galardoado nas Ensinanzas Superiores de Deseño. Neste blog xa falamos dun dos seus proxectos, a familia tipográfica ‘Temprano’. Nas Ensinanzas Profesionais de Grao Superior, o premio foi para Aleksandra Dmitrieva, alumna de Fotografía. Podedes ver un traballo seu, inspirado na poesía de Gloria Fuertes, na nosa páxina de Facebook.
O premio ao mellor expediente académico nas Ensinanzas Profesionais de Grao Medio foi para Camino Casabella Pumares, de Serigrafía Artística; mentres que a súa compañeira Rebeca López López recibiu a mención de honra á creatividade e a innovación.
A extraordinaria música do trío ‘EnClave’ e o ágape na cafetaría da escola foron a culminación perfecta para este día de festa. Xa temos as pilas ben cargadas para afrontar un curso que, como sempre, será tan esixente como apaixonante.