Categories: Fotografía

Non importa cal sexa a túa ocupación ou vocación. Aprender cada día, adquirir formación de maneira constante, é unha forma de estar no mundo. E para nós, os que traballamos e/ou estudamos en ámbitos creativos, é unha necesidade, algo verdadeiramente fundamental. Por suposto, existen moitísimos xeitos de aprender; e unha delas é fixarse no labor dos compañeiros que traballan nas nosas áreas de interese.

Neste sentido, as novas tecnoloxías poden supoñer unha grande vantaxe. Por exemplo, hai moitos fotógrafos e fotógrafas que as utilizan para compartir non só os resultados do seu traballo, senón as súas reflexións, os segredos do seu proceso creativo e moitas cousas máis. As bitácoras son liberdade pura e só o propio autor impón límites e normas.

Hoxe imos recomendarte cinco blogs de fotografía que visitamos a miúdo, mais a lista podería ser perfectamente cen veces maior… e aínda así quedarían fóra un montón de webs de gran calidade. Por iso deixamos abertos os comentarios, para que vós fagades crecer este repositorio cos vosos propios blogs ou con aqueles que vos parezan máis interesantes. Animádevos!

 

Rubixephoto.com

Este é o blog de Jota Barros, fotógrafo galego natural de A Gudiña e residente en Allariz. O subtítulo do web é toda unha declaración de intencións: «Aprender. Compartir. Fotografiar». Aquí atoparás consellos, recomendacións sobre libros, reflexións coa fotografía como motivo. Mesmo poderás descargar o libro de Jota Barros de forma gratuíta. O seu sensacional traballo neste blog serviulle para obter distintos premios, como o Bitácoras 2014 ao mellor blog de fotografía.

 

Silvia Mella Foto

Silvia Mella naceu nas Neves (Pontevedra); e adquiriu parte da súa formación académica estudando Fotografía na Escola Superior de Deseño e Arte Antonio Faílde de Ourense. O que máis nos gusta do seu blog é o seu selo persoal, presente en cada curruncho, desde as imaxes ata as citas seleccionadas.

 

Quicoto Blog

Se o que che gusta é a fotografía a pé de rúa en distintos lugares do mundo, debes coñecer o blog de Ricard Torres. Pero ademais do mencionado, esta bitácora contén seccións dedicadas a compartir coñecementos e a analizar todo tipo de produtos relacionados coa fotografía: cámaras, complementos, programas informáticos…

 

Naturpixel

O blog de Joan VendrellGuillem Calatrava, máis centrado na actualidade que ningún dos anteriores; sen deixar de lado a vocación formativa, quizais a principal razón pola que estes dous fotógrafos decidiron crear esta bitácora no ano 2008. Contan cun fantástico equipo de colaboradores que achega aínda máis calidade ás súas publicacións.

 

PhotoFocus

Na elaboración desta lista procuramos a variedade, así que imos pechala cun blog estranxeiro. Poucas opcións mellores que PhotoFocus, creado por un fotógrafo con tanta experiencia como Scott Bourne, que leva máis de catro décadas nisto. Trátase dun espazo claramente orientado ao interese daqueles que aspiran a converterse en profesionais. Ten ata podcasts dedicados ao mundo da fotografía, pero precisas dominar o inglés para gozar plenamente destes contidos.