Dedicar dous cursos académicos a estudar o ciclo formativo de grao superior de Gravado na EASD Ramón Falcón de Lugo é, sen dúbida algunha, un excelente investimento. Se esta posibilidade está entre as opcións que valoras para o vindeiro curso 2015/16, non esquezas que tes ata o mércores 17 de xuño para inscribirte nas probas de acceso correspondente. A de madureza será o 26 de xuño, a específica o 9 de xullo. Aquí tes a información que precisas coñecer sobre estas probas.
Por que decidirte polo Gravado? O dominio das técnicas de xilografía, calcografía, litografía e serigrafía é unha porta cara un mundo profesional cheo de oportunidades. Aprender sabendo que os coñecementos que estás a adquirir están directamente ligados coas destrezas que precisarás no exercicio da túa profesión sempre resulta motivador. Con iso e con todo, hai moitas e moi boas razóns para matricularte no ciclo formativo de grao superior de Gravado.
- O plan de estudos é garantía de acceder e profundar nos campos temáticos de maior relevancia para un profesional do Gravado. Bota un ollo:
- Primeiro curso – Historia do Gravado / Teoría da Imaxe / Técnicas de Expresión: Gravado / Obradoiro de Gravado / Proxectos de Gravado.
- Segundo curso – Arquitectura e Deseño do Libro / Técnicas Gráficas Industriais / Obradoiro de Litografía / Obradoiro de Serigrafía / Formación e Orientación Laboral / Proxecto Final.
.
- Con esta formación, estarás en condicións de escoller entre desenvolver a túa propia obra persoal ou ben colaborar con outros artistas, coa estampaxe e creación de matrices das súas obras.
. - Por suposto, terás unha base teórica e práctica para asumir funcións de asesoría en galerías de arte ou museos, entre outros; como especialista acreditado nas técnicas de gravado. Así, ademais de entender esta forma de expresión artística, coñecerás á perfección os recursos organizativos e económicos que esixe cada circunstancia.
. - Estudando Gravado terás acceso a un bo número de titulacións: desde os estudos superiores de Deseño ata títulos de grao como Belas Artes, Historia, Xornalismo, Publicidade e Relacións Laborais, Biblioteconomía…
. - Como todas as impartidas na EASD Ramón Falcón de Lugo, esta é unha titulación oficialmente válida no Espazo Europeo de Educación. E por suposto, farás prácticas en empresas ao rematares os teus estudos. Noutras palabras: o ciclo achegarate as ferramentas que precisas para traballar e ofrecerate un primeiro trampolín cara o mundo do emprego.
Se desexas facer algunha pregunta, resolver algunha dúbida ou trasladar calquera consulta, podes deixarnos un comentario neste mesmo post, chamar por teléfono ao 982 220 790, ou escribirnos un correo electrónico. Estaremos encantados de atenderte.