Por fin chega unha das datas máis sinaladas do comezo de curso na EASD Ramón Falcón de Lugo. O próximo xoves, día 27 de outubro, celebraremos xuntos a festa do patrón das ensinanzas artísticas, San Antonio María Claret. Farémolo cun evento ao que non podes faltar, a xa tradicional ‘Xuntanza’, na que nos reuniremos alumnos, ex alumnos, profesores, ex profesores e persoal non docente. Unha cita moi especial para todos os que formamos parte da escola.

Comezaremos ás 18:00 do xoves 27 de outubro, inaugurando a exposición conxunta cos proxectos de fin de carreira do curso pasado dos alumnos de todas as titulacións, Deseño Gráfico, Deseño de Interiores, Fotografía, Cerámica, Gravado e Serigrafía. Despois chegará o momento de anunciar e recoñecer aos gañadores do Premio Extraordinario e o Accésit.

Por suposto, non faltará a música para culminar a tarde. Nesta ocasión será a do colectivo ‘Agassi’, integramente formado por artistas lucenses que pasaron pola EASD Ramón Falcón e a EIS Lugo Fundación TIC. Trátase de Sebastián Pérez Devesa, Omar Feijóo Guerrero, Gabriel Martínez Corbo, Emilio Vázquez Horyaans e Álvaro Pintado López. Podes descargar aquí o seu dossier para coñecer mellor que nos ofrecerán o xoves a partir das 19:00.

Na cafetaría da escola, ademais, servirase un ágape para todos os participantes. Como cada ano, unha Xuntanza para reunirnos, gozar e cargar pilas para chegar con forzas ata o final dun curso que non fixo máis que empezar. Anótao na túa axenda e non faltes!