O mércores 13 de novembro foi unha xornada repleta de experiencias para o alumnado de Deseño Gráfico da EASD Ramón Falcón de Lugo. O día comezou coa visita ás instalacións de Uniter, en Carral. Esta empresa está especializada en etiquetado téxtil. Alí puidemos observar de cerca os procesos de elaboración e impresión das etiquetas e os materiais usados na súa fabricación. Tamén coñececemos como son os equipos e os recursos precisos para prover etiquetas ás principais marcas de moda nos mercados nacionais e internacionais.

A segunda cita da xornada levounos á Fundación Barrié da Coruña, onde participamos nunha visita guiada sobre a obra de Norman Parkinson. A charla axudounos a afondar no traballo do fotógrafo de moda máis famoso do século XX. Nada menos que 80 fotografías deste artista, que amosan a evolución da moda feminina e como se comunicou ao público durante décadas.

Os estudantes tomaron a iniciativa no tempo sobrante ata regresar a Lugo. Algúns decidiron achegarse ao Quiosco Alfonso para visitar unha exposición do fotógrafo Xoán Piñón. Outros optaron por ir á Domus ou ao Museo de Belas Artes da cidade. Sen dúbida, non houbo nin un minuto botado a perder.