Coa invitación da Asociación Ceramolóxica Galega Canaveira, o alumnado do Ciclo Superior de Cerámica Artística da EASD Ramón Falcón de Lugo tivo a oportunidade de visitar os xacementos de arxila de San Lourenzo, no concello de Outeiro de Rei, o pasado 27 de febreiro.

Os oleiros de Bonxe extraían destes xacementos o barro co que daban forma ás súas pezas. Concretamente estivemos no lugar chamado ‘O Curro do Picato’, onde os oleiros crearon unha paisaxe, no seo dunha fraga, chea de buratos. É o resultado da extracción de arxila durante séculos. Mesmo é posible que xa en época romana se empregara esta arxila, dado que nas proximidades existen restos de fornos cerámicos que pola súa tipoloxía ben poderían pertencer a esa época.

Aínda hoxe Pepa Lombao, a única oleira de Bonxe, segue a empregar esta arxila que ela mesma prepara e mestura con outra máis magra. Esta visita foi guiada polos ceramólogos e membros da asociación Canaveira Hixinio Flores, Orlando Viveiro e o ceramista Lolo Fernández, a quen queremos agradecer a súa colaboración desinteresada e o seu labor investigador e divulgativo, que desenvolven desde a mencionada asociación.