Os días 22 e 23 de novembro, un grupo de estudantes do CFGS de Cerámica Artística visitou a XIV Bienal Internacional de Cerámica Artística, en Aveiro (Portugal). Unha viaxe que tentamos realizar cada dous anos e que xa se converteu nunha tradición na EASD Ramón Falcón de Lugo.

No Museo de Aveiro/Santa Joana visitamos a exposición do Concurso Internacional. Nesta edición, como sempre organizada pola Cámara Municipal de Aveiro, participaron 246 artistas de 37 países. Un total de 385 obras das que o xurado seleccionou 98, que admiramos na sala de exposicións temporais do Museo. Resultou gañadora a obra Come foglie al vento da ceramista italiana Sara Dario. No mesmo Museo tamén visitamos a exposición Mostra I&D do DEMaC-UA, na que se exhibían proxectos de investigación e desenvolvemento tecnolóxico realizados no Departamento de Enxeñería de Materiais Cerámicos da Universidade de Aveiro, en colaboración con empresas do sector.

Na Galería da Antiga Capitanía de Aveiro visitamos unha retrospectiva de Enric Mestre. Nesta mostra gozamos da obra cerámica do mestre valenciano desde o ano 1967 ata as máis recentes, deste mesmo 2019. No Museo de Arte Nova exhibíase unha mostra da ceramista estadounidense Karen Gunderman. No Museo da Cidade a exposición era do ceramista portugués Alberto Vieira, que resultara premiado na anterior Bienal (2017).

O sábado 23 visitamos o Museo da Fábrica de Porcelana Vista Alegre sita en Ílhavo, preto de Aveiro. Este Museo salvagarda a memoria da produción artística da fábrica nos séculos XIX e XX. No seu percorrido apreciamos a evolución estética e técnica dos seus deseños. Tamén tivemos ocasión de achegarnos aos deseños de última creación na magnifica tenda contigua. Xa pola tarde visitamos a cidade de Ovar, incluída na Ruta da Cerámica de Portugal Centro. Para rematar visitamos a Igrexa de Válega, obra prima da arte da pintura sobre tella cerámica. Foi vestida tanto no seu interior como na fachada principal con magníficos paneis cerámicos policromados, realizados na fábrica Aleluia de Aveiro nos anos sesenta do século pasado.