O pasado 4 de novembro, os alumnos de cuarto curso de Deseño Gráfico visitaron a sala de exposicións da Deputación Provincial de Lugo. Alí esperaba Pepe Barro, deseñador gráfico e encargado do deseño da exposición “Saúde e Terra, irmá(n)s”; mostra que conmemora o centenario da fundación das Irmandades da Fala.

Da man de Pepe Barro e acompañados pola profesora Natalia Crecente, os nosos estudantes puideron gozar da exposición horas antes da súa inauguración oficial. Deste xeito tiveron ocasión de escoitar as explicacións do deseñador sobre a gráfica, a proposta e as problemáticas que tivo en conta para a montaxe. De maneira moi amena e dinámica, ofreceu consellos aos alumnos e transmitiulles os seus coñecementos acerca dunha época, a das Irmandades, “onde cultura e política eran a mesma cousa”.

A mostra, por certo, permanecerá aberta ata o próximo 27 de setembro. Pode visitarse de luns a venres (de 11 a 14 e de 17:30 a 20:30), os sábados (de 10:30 a 14 e de 16:30 a 20) e tamén domingos e festivos (de 11 a 14). A entrada ao Pazo de San Marcos, sito na Rúa San Marcos s/n de Lugo, é completamente gratuíta.