O pasado venres 9 de marzo, o alumnado de Cerámica Artística da EASD Ramón Falcón de Lugo tivo a oportunidade de visitar a exposición ‘Icarus IV’ na galería La Catedral. Para isto contaron co mellor guía posible, Iván Prieto, o propio autor das obras que conforman a mostra.

Trátase dun proxecto itinerante, nacido en Polonia e que xa pasou por varios puntos de Europa. Prieto explica que pouco a pouco incorpora novos traballos á exposición, na que trata temas como a fraxilidade ou o equilibrio, sempre entre colores rechamantes e espectaculares. Iván Prieto estudou Cerámica na EASD Ramón Falcón e tamén é graduado en Belas Artes pola Universidade Complutense de Madrid. Entre outras distincións, gañou o Premio Joven dese centro universitario e o primeiro premio do certame Galiza Crea.

Preme aquí para acceder a unha vista en 360º de ‘Icarus IV’

Prieto achegounos datos dos aspectos conceptuais e técnicos de todas as pezas escultóricas expostas. Ademais, unha vez completado o percorrido, os estudantes puideron charlar co escultor e tamén co galerista Jorge Espiral.