O pasado xoves 16 de novembro de 2017 o alumnado de primeiro e segundo curso do CFGS de Fotografía, xunto con alumnado do CFGS de Cerámica Artística e do CFGM de Serigrafía Artística, visitaron a exposición temporal ‘Genesis’ de Sebastião Salgado, ubicada nos xardíns da Praza Maior de Lugo. A mostra é parte do programa “Arte na rúa”, co que se quere aproximar a arte ás persoas fóra do marco habitual de museos e salas de exposicións. Os profesores participantes nesta actividade foron Alfredo Yáñez López e Noelia Pardo Fernández.

A mostra, patrocinada polo Concello de Lugo e pola Fundación “La Caixa”, está formada por 38 fotografías en branco e negro a través das que o fotógrafo brasileiro ofrece a súa particular visión dunha serie de lugares do noso planeta que foron capaces de evitar a influencia do mundo moderno e que permanecen virxes. Unha guía da Fundación achegou explicacións a nivel biográfico, técnico e formal do proxecto e ofreceu aos docentes material didáctico sobre a obra do fotógrafo para poder ser utilizada na aula.

Tras visitar ‘Genesis’ tivemos ocasión de improvisar e achegarnos ao Museo Interactivo da Historia. Coincidindo co Outono Fotográfico, este centro acolle a mostra colectiva ‘Refractais’, con obra dos fotógrafos Eduardo Ochoa, Xosé Manuel Otero, Fernando Gago e Xosé Lois Vázquez.