O pasado 4 de decembro, un grupo de estudantes de Deseño Gráfico desprazouse á Coruña. A cita era do máis interesante: queriamos visitar a exposición Drift. Miradas cruzadas entre deseño e arte contemporánea. Tendo en conta que o Museo de Arte Contemporáneo da Fundación Gas Natural Fenosa (MAC) está tristemente a punto de cerrar as súas portas, era unha oportunidade que non podiamos deixar pasar.

A mostra parte dunha convicción clara: o deseño conquistou definitivamente o terreo da arte contemporánea. Partindo desa premisa gozamos dun enriquecedor tour guiados por Jorge, capaz de combinar as explicacións con estímulos para a nosa curiosidade. Foi un percorrido anacrónico e persoal, unha conversa entre pezas deseñadas e pezas artísticas, examinando o papel de no tempo de cada unha delas.

Carteis históricos de Max Bill, Emil Ruder, Josef Müller -Brockmann, Neville Brody, tipografías, pezas icónicas do deseño industrial, obra pictórica e moitos, moitos autores: Ventura Cores, José María Cruz Novillo, Sonia Delaunay, Isaac Díaz Pardo, Charles & Ray Eames, Forma Besta, JKarl Gerstner, Liam Gillick, Luis Gordillo, April Greiman, Jaime Hayón, Armin Hofmann, Chip Kidd, Marlena Kudlicka, Zuzana Licko, Almudena Lobera, Maruja Mallo, Víctor Moscoso, Josef Müller-Brockmann, Bruno Munari, Dieter Rams, Paul Rand…

Non marchamos sen gozar tamén da frescura da obra de artistas novos, visitando a 15ª Mostra de Arte Naturgy. O mellor colofón para unha xornada repleta de arte e deseño.