O pasado venres 13 de decembro, o alumnado da disciplina de Ciencia aplicada ao Deseño (especialidades de Deseño de Interiores e Deseño Gráfico da EASD Ramón Falcón) dedicou parte da mañá a visitar a exposición ‘Converxencias Arte e Ciencia’, no Museo Provincial de Lugo.

Esta mostra, organizada por Igaciencia, aborda as relacións entre ciencia, matemáticas, arte e vida mediante a presentación e o análise das obras de autores como Mondrian, Seurat, Juan Gris, Calder, Dalí, Riley ou Vasarely. Así, Igaciencia promove a síntese de cultura e innovación para fomentar a comprensión do método científico, a resolución de problemas, o espírito crítico e o interese social pola ciencia e a innovación.

Gozamos coa presentación sobre as regras compositivas na obra de Juan Gris, realizada por Inés Ben. Tamén foi de enorme interese a oportunidade de analizar obxectos deseñados con L- System por Manuel Díaz Regueiro. Para acabar, asistimos a dous obradoiros nos que puidemos descubrir as propiedades matemáticas da cinta de Möbius; e aprendemos por que unicamente podemos construír cinco poliedros regulares.