Categories: Visitas

As Nacións Unidas declararon 2015 como Ano Internacional da Luz e das tecnoloxías baseadas na luz. Igaciencia quixo aproveitar a ocasión para organizar a exposición ‘A Ciencia e a tecnoloxía da luz’, que os nosos alumnos do primeiro curso de Deseño Gráfico, Deseño de Interiores e Fotografía visitaron na mañá do pasado martes 24 de novembro.

Como parte do estudo da materia de Ciencia aplicada ao Deseño, os alumnos reflexionan sobre as converxencias e diverxencias entre arte e ciencia. Para isto propoñemos diferentes manifestacións artísticas e distintas disciplinas científicas, cos seus obxectivos, as súas linguaxes, o seu progreso e o seu recoñecemento. Tamén prestamos atención ao modelo clásico da ciencia e ás novas aproximacións, complexas e transdisciplinares.

Nesta exposición que acolle o Museo Provincial de Lugo coñecemos unha visión da construción da ciencia e a tecnoloxía coa luz como centro, achegándonos a ela a través de experiencias cotiás que enmarcamos en distintas disciplinas: matemáticas, física, química, robótica, arte e psicoloxía.

A exposición tamén pasou por Santiago de Compostela (Galería Sargadelos, do 3 ao 11 de novembro) e pola Coruña (MUNCYT, do 11 ao 13 de decembro). No Museo Provincial de Lugo estivo dispoñible entre o 14 e o 29 de novembro.