Un grupo de estudantes de segundo e terceiro curso de Deseño de Interiores desprazouse a Coruña o pasado 12 de decembro. Na cidade herculina visitaron o local de Auga de Parada, así como o Showroom Boffi Studio Coruña. Como complemento á formación nas materias de Materiais e Construción I e II, a visita serviunos para ter un contacto directo co mundo do interiorismo profesional.

‘Auga de Parada’ conta cun enorme recoñecemento dos principais arquitectos, decoradores e enxeñeiros de España. Nas súas extraordinarias instalacións comercializan as últimas tendencias en revestimentos e sanitarios e distribúen produtos de marcas europeas de calidade e respectado deseño no mundo da decoración de interiores.

Así, no local de ‘Auga de Parada‘, o seu responsable Francisco Parada presentounos unha impresionante variedade de materiais de revestimento, sanitarios e griferías. No número 118 da coruñesa rúa de San Andrés, rehabilitado para tal fin, puidemos ver o showroom de Boffi Studio. Cociñas, dormitorios e baños realizados con produtos de deseñadores de prestixio, que combinan a súa actividade co deseño para multinacionais do sector.