Como en anos anteriores, non quixemos faltar á nosa cita coa Bienal Internacional de Cerámica Artística de Aveiro, que neste 2017 acadaba a súa decimo terceira edición. Á cidade portuguesa desprazouse o pasado 18 de novembro un grupo de estudantes de Cerámica Artística e Gravado, acompañados polos profesores Celia Castro, Francisco Fernández e María del Carmen Fernández.

No Museu de Aveiro visitamos a Exposición do Concurso Internacional, así como a instalación escultórica ‘Geografias do tempo e da memória’, do ceramista Xohan Viqueira. Tamén gozamos con ‘Génese Cerámica – Mostra I&D’, un repaso ao desenvolvemento dos obxectos cerámicos. No xardín do museo examinamos ‘Encontros Improváveis’, a instalación de João Carqueijeiro, con esculturas a escala humana.

No Museu de Arte Nova visitamos a exposición ‘Deambulações’, de Sofia Beça, artista convidada e gañadora en 2017 do Concurso Internacional de Cerâmica de Alcora. Na Antiga Capitania do Porto de Aveiro achegámonos ás obras de artistas que traballaron na Oficina de Cerâmica Cooperativa Árvore. No Museu da Cidade estaba a exposición ‘ID Pool – Residências Artísticas Vista Alegre’; e na Galeria Morgados da Pedricosa a homenaxe ‘VIC (re) mixerd’, con diversas intervencións sobre reproducións dunha obra de Vasco Branco, célebre ceramista aveirense.

Aínda quedou tempo para pasear pola cidade de Aveiro, coa súa arquitectura modernista, tanto tradicional como contemporánea. Vimos de cerca paneis cerámicos como o da estación de tren, os canais, as salinas… e ata un grafiti realizado polo artista urbano Vhils. Tamén fomos ao Museu de Vista Alegre, á cidade de Ovar (incluída na ‘Ruta da Cerámica’ da rexión de Portugal Centro) e á Igrexa de Válega, referencia na arte da pintura sobre azulexo cerámico.