É difícil aproveitar dous días máis do que aproveitamos os pasados 16 e 17 de novembro. Desprazámonos a Bilbao coa axenda cargada: o evento SELECTED from Bilbao esperaba ao alumnado de Deseño Gráfico e Deseño de Interiores, mentres que os seus compañeiros de Gravado e Serigrafía tiñan unha cita co Festival Internacional de Grabado y Arte sobre papel (FIG).

SELECTED’18 é un evento de inspiración creativa. Alí, os nosos estudantes tomaron contacto con novas tendencias en deseño e artes visuais. Ademais, tiveron ocasión de afondar nas relacións entre as empresas e o deseño e incluso intercambiar ideas e solucións creativas con outros profesionais do mesmo sector. Entre os participantes contáronse destacados profesionais como Autobahn, Susana Blasco, Sue Doggett, Estudio Dúctil, Verónica Grech, Mubien, Emilio Gil ou Pentagram. Dentro da axenda de actividades de SELECTED, o profesorado da escola asistiu ao relatorio Meeting Design Teachers.

O FIG é un proxecto internacional de investigación e promoción comprometido coa obra gráfica, que alcanzou neste 2018 a súa sétima edición. Destacou desde a primeira polo seu apoio aos artistas emerxentes, impulsando a súa carreira profesional a través de bolsas de estudos, organización de exposicións e iniciativas como o Open Portfolio ou os Cubos de las Tentaciones. Entre as numerosas actividades ofertadas, o noso alumnado gozou coa visita guiada pola artista Zaloa Ipiña. Non se perderon o encontro ‘Arte & mujer‘, moderado por Begoña Zubierta, no que interviron Ouka Leele, Elssie Ansareo e Pilar Soberon. Tamén asistiron ás demostracións de xilografía xaponesa, por parte da artista Fabiola Gil; e da técnica do buril, da man da prestixiosa artista belga Sabine Delahaut.

Para terminar de espremer as horas da fin de semana, os estudantes animáronse a explorar a ampla oferta cultural de Bilbao. O Museo Guggenheim Bilbao, o Museo de Bellas de Artes ou o Azkuna Zentroa (anteriormente Alhóndiga Bilbao) estiveron entre os seus destinos favoritos. Todo para regresar a Lugo tan cansos como satisfeitos polas experiencias adquiridas.