O pasado martes 26 de febreiro o noso alumnado do CFGS de Cerámica Artística tivo ocasión de visitar a fábrica de porcelana de Sargadelos en Cervo. Durante a mañá puidemos coñecer os procesos de fabricación da empresa, desde o deseño ata o produto final. É de agradecer o tempo e o esforzo que dedicaron para que os nosos estudantes comprendesen os seus procesos e as técnicas que empregan.

Durante a tarde desprazámonos a San Martiño de Mondoñedo, en Foz, para visitar ao escultor e ceramista Daniel Río ‘Caxigueiro’. Antigo alumno da EASD Ramón Falcón de Lugo, presentounos o seu estudio e as obras que alí expón. Tamén nos guiou nun percorrido polo seu xardín botánico, que xunto ao estudio fai parte do Espazo Caritel. Por iso temos que agradecerlle a Daniel non só a oportunidade de coñecer a súa obra, senón a estupenda lección de botánica que nos ofreceu.