O pasado 28 de novembro, un grupo de 14 estudantes do CFGS de Fotografía desprazouse a terras asturianas, acompañados pola profesora Noelia Pardo Fernández. A primeira parada foi Xixón, onde agardaban dúas exposicións.

No Museo Nicanor Piñole gozamos dunha visita guiada a El Gijón: la ciudad industrial y burguesa (1880-1920). Álbum gráfico del archivo Alejandro Alvargonzález. A continuación, no Museo Casa Natal de Jovellanos, asistimos a Hallazgo de lo Ignorado. Fotografías de Asturias de Ruth M. Anderson para la Hispanic Society of America, 1925. Esta última mostra era unha cita clave na axenda da viaxe. No segundo trimestre deste curso proxectaremos na escola o documental A viaxe de Ruth, realizado polos lucenses Jaime Pardo e Xosé Reigosa e no que se relata a estancia da fotógrafa americana en Galicia.

Pola tarde o grupo desprazouse a Avilés. Alí, con axuda dunha guía, visitamos o Centro Cultural Niemeyer. Na cúpula do complexo vimos a exposición Pedro Masaveu: Pasión por Sorolla. Ademais dun gran número de obras do pintor valenciano, había unha parte fotográfica con imaxes da súa vida cotiá, realizadas por fotógrafos da época. Para finalizar o noso percorrido, no Auditorio puidemos ver a exposición Nudes, de Spencer Tunick, célebre polas súas fotos de masas de persoas espidas en contornos naturais e urbanos. Ademais, os estudantes aproveitaron para retratar aspectos do Centro, deseñado polo arquitecto brasileiro Óscar Niemeyer.