Un grupo de estudantes de primeiro curso de Deseño Gráfico, acompañado por dous docentes, dedicou a tarde do xoves 2 de maio a visitar o cemiterio de San Froilán, en Lugo. Foi unha actividade práctica incluída na programación da materia de Debuxo Artístico.

Despois de chegar ao camposanto, percorrémolo tranquilamente, analizando os seus elementos arquitectónicos, estruturais, materiais, escultóricos e tipográficos. A continuación chegou o momento de debuxar, partindo dos elementos observados. E por último, realizamos unha posta en común dos resultados, presentando os traballos e comentando os aspectos máis relevantes.

Así, conseguimos levar á práctica numerosas cuestións teóricas vistas en clase: a recollida e análise de información, o dominio de recursos formais de expresión e comunicación visual, o manexo de procedementos de creación de códigos comunicativos… Ademais, aproveitamos a oportunidade para achegarnos a unha peza importante do patrimonio cultural local, como é o cemiterio de San Froilán.