O pasado 10 de abril remataba unha exposición que nós considerabamos imprescindible: por vez primeira, unha mostra recollía a obra dun dos arquitectos contemporáneos máis destacados do panorama galego, Manuel Gallego. E nós xulgabamos que non a podiamos perder.

O pasado 6 de abril un grupo de 24 alumnos de 1º, 2º e 3º do Grao de Deseño de Interiores non quixeron perder a oportunidade e dirixíronse á sede da Fundación Barríé na Coruña. A exposición, comisariada polo propio autor e deseñada polo arquitecto Pablo G. Picard, estaba composta por unha selección de proxectos construídos e propuña crear un fío argumental que permitía desenvolver un discurso que facilite e provoque miradas diversas sobre a arquitectura, aproximándose así á súa complexidade. Para iso sublíñabanse algúns dos argumentos conceptuais que foron a base destas arquitecturas: a idea e o contexto. A idea como soporte conceptual da arquitectura, como argumento que ordena a súa materialidade, a súa construción, o seu uso, a súa forma e o seu significado. E o contexto, no seu sentido máis amplo, como o lugar físico onde se sitúa a construción, pero tamén como esa paisaxe que é expresión dunha orde sobre un territorio.

Na exposición puidemos revisar o seu legado arquitectónico as obras máis representativas do autor espalladas por toda a xeografía galega, como son a vivenda unifamiliar de Corrubedo (1970) ou no Carballo (1979), o Museo de Belas Artes da A Coruña (1997) e o Museo das Peregrinacións de Santiago de Compostela (2012), o Complexo Presidencial de Galicia (2002) e o Centro Cultural e máis o Concello da Illa de Arousa (2005-2008), para alén doutras xeniais obras de Manuel Gallego Jorreto.

En total, 22 proxectos, 16 deles coa súa respectiva maqueta acompañada dunha completa información gráfica e fotográfica de cada un, planos de grande formato, máis de 400 fotografías, e dous vídeos sobre o autor: Polo territorio da arquitectura con Manuel Gallego, producido pola TVG (2006), e Maestros de la Arquitectura, Fundación Arquía (2015).

Aproveitándomos que estabamos na Coruña, pola tarde puidemos comprobar in situ o que talvez é o seu edificio máis significativo o Museo de Belas Artes, unha intervención no antigo convento das Capuchinas que lle valeu o Premio Nacional de Arquitectura en 1997 e visitar a súa colección permanente, algo que tamén fixemos na sede de AFUNDACIÓN, onde tamén nos explicaron o proceso construtivo dese magnífico edificio.