Categories: Visitas

Durante os últimos días do mes de novembro e as xornadas lectivas de decembro, moitos alumnos da Escola de Arte e Superior de Deseño Ramón Falcón prepararon a mochila para visitar distintas localidades. Como sempre que marchamos de viaxe, o obxectivo fundamental é complementar o traballo que levamos a cabo na escola coa participación en actividades e eventos de interese.

Por iso, alumnos de Gravado, Serigrafía, Fotografía e Deseño Gráfico pasaron o mércores 17 de decembro en Santiago de Compostela. Unha viaxe breve, pero moi ben aproveitada. A primeira hora estivemos no Auditorio de Galicia, na exposición Salto de páxina. O libro de artista no século XXI. Trátase dunha mostra itinerante que recolle obras de máis de cincuenta artistas que pasaron polas distintas edicións da feria de edición contemporánea ‘Ars Libris’. Así, puidemos ver de cerca o traballo de artistas e creadores como Jaume Plensa, Antón Lamazares, Regina Giménez ou Cristina de Middel.

Aínda quedou tempo na mañá para ver a mostra Heroes animados na sede de Afundación, cos detalles do proceso de deseño e creación de personaxes en filmes de animación a partir do traballo do prestixioso Grangel Studio. Xa pola tarde, estivemos na Fundación Eugenio Granell para visitar a exposición Luis Seoane. Voar por riba dunha torre de marfil e pasamos pola Cidade da Cultura para ver as fotografías do galego José Suárez, unha figura clave no século XX e autor de series marcadas polo humanismo e a revolución formal propia das vangardas. Podes ver algunhas imaxes desta viaxe aquí.

Antes, o venres 20 de novembro, desprazámonos a Bilbao con alumnos de Gravado, Deseño Gráfico e Deseño de Interiores. Pasamos polo Guggenheim, pola Universidade do País Vasco, polo Museo de Belas Artes e pola Feira Internacional de Gravado e Arte sobre papel antigo, moderno e contemporáneo. Unha fin de semana ben intensa, na que fomos de exposición en exposición aprendendo sobre temas moi variados. Serigrafía, estampación e deseño contemporáneo foron algúns deles. Na páxina da escola en Facebook colgamos algunhas fotos desta viaxe.

Un grupo de alumnas de Cerámica e Deseño de Interiores pasaron os días 27 e 28 de novembro en Aveiro (Portugal), aproveitando cada minuto para visitar o Museo da cidade, a galería da antiga capitanía, o Museo de Arte Nova, a Galería Morgados Pedricosa… A cerámica foi a protagonista principal desas visitas, pero tamén houbo tempo para pasear por esta fermosa localidade lusa; e mesmo para deternos a analizar os graffitis que o famoso artista Alexandre Farto ‘Vhils’ ten feito nos seus muros. Aquí podes ver algunhas fotografías da viaxe a Aveiro.