Seguro que cada día les noticias relacionadas coa tecnoloxía de impresión en 3D, falando dos avances na súa aplicación e as numerosas posibilidades que ofrece. Precisamente coa intención de tomar conciencia do enorme potencial que ten non quixemos perder o ‘3D Printingday’, un evento organizado pola Escola Politécnica Superior de Lugo e ao que asistimos o pasado 1 de decembro.

Alumnos de Deseño Gráfico, Deseño de Interiores e Cerámica da EASD Ramón Falcón de Lugo asistiron a charlas de introdución á impresión 3D, á fabricación dixital e ao modelado 3D; ademais de ver en directo como funcionan as impresoras deste tipo e obter información relevante sobre as súas aplicacións prácticas.

Malia o que poida parecer a simple vista, esta clase de ferramentas teñen tamén un potencial espectacular en contornos artísticos. Por iso resulta fundamental coñecelas: ao permitir o desenvolvemento de produtos físicos, serán pezas chave na democratización e a customización do deseño.