As imaxes que podedes ver sobre estas liñas corresponden á obra ‘Cilt’, da que é autora María Isabel Carril Quiroga, alumna de Cerámica Artística na EASD Ramón Falcón de Lugo. Con ela proclamouse finalista no XIII Premio Nacional de Cerámica, convocado con carácter bianual polo Concello de Castellón coa colaboración da Deputación de Castellón e a organización da Asociación Española de Técnicos Cerámicos (ATC).

O pasado 23 de decembro quedou inaugurada na sala de exposicións da Fundación Dávalos-Fletcher a mostra con todas as obras premiadas e finalistas, que ademais serán recollidas nun catálogo. A entrega de premios terá lugar na feira Cevisama 2017.

Parabéns, María Isabel, polo teu extraordinario traballo!