Seguro que moitos dos que nos ledes fixestes o Camiño de Santiago. Nese caso, saberedes da importancia de escoller hospedaxes confortables nos que descansar e repoñer forzas coas que continuar na xornada seguinte. Non habería lugar mellor para facelo que un albergue como o deseñado por Belén Mayor Bal, alumna de Deseño de Interiores na EASD Ramón Falcón de Lugo.

Este foi o proxecto que Belén presentou como traballo de fin de estudos. A súa proposta é acondicionar containers marítimos para convertelos en módulos que compoñan albergues para os peregrinos. O deseño está feito pensando nas súas necesidades, poucas pero importantes: precisan un lugar onde descansar, durmir, ducharse e onde comer algo rápido.

Así, Belén deseñou sete módulos distintos:

  • Módulo de recepción, onde recibir aos hóspedes.
  • Módulo de uso privado para os empregados do albergue, con aseo e espazos onde gardar material de limpeza e de traballo.
  • Módulo de habitación estándar, pensado para tres persoas, con baño, armarios persoais, enchufes…
  • Módulo de lavado-secado, con lavadoras, secadora, tendal, vertedoiro…
  • Módulo de sala de estar, con lugares onde sentar a ler ou charlar.
  • Módulo comedor. Con neveira, forno microondas e cadeiras e mesa para sentar a comer.
  • Módulo de habitación accesible, adaptado a persoas con mobilidade reducida.

Aínda que a carcasa dos containers é de metal, Belén dispuxo varias capas illantes de fibra de madeira para contrarrestar as altas temperaturas do verán e as baixas do inverno. O albergue ten todo o preciso para instalarse en calquera punto da xeografía galega, deixando en mans dos propietarios a selección do número de módulos, en función das necesidades de cada caso. A versatilidade do proxecto desta alumna permitiría configurar albergues dunha ampla gama de tamaños e capacidades.