Os alumnos de todas as titulacións da EASD Ramón Falcón de Lugo continúan complementando o traballo que fan nas aulas con visitas a lugares de interese. Lugares que poden ser tan variados como un zoolóxico, un castro ou unha empresa innovadora e emerxente.

Foi durante a tarde do pasado 20 de outubro cando os estudantes de 2º de Proxecto Fotográfico do CFGS de Fotografía tiveron ocasión de realizar unha actividade de reportaxe gráfica nun marco tan marabilloso como o parque zoolóxico de Marcelle Natureza, en Outeiro de Rei. Coa axuda dunha guía para identificar as diversas especies presentes, os alumnos percorreron o perímetro do parque para realizar unha reportaxe sobre fauna autóctona e exótica. Todo un desafío para os nosos fotógrafos, nun fermoso contorno de reserva natural.

O 4 de novembro, corenta alumnos dos primeiros cursos de Deseño Gráfico e Deseño de Interiores visitaron o Castro de Viladonga. Alí, acompañados pola directora do museo do lugar, Elena Varela, puideron ver un documental para coñecer mellor a cultura castrexa e as distintas campañas de escavación do castro. Tamén fixeron unha visita ao museo e ao recinto del castro, aproveitando a oportunidade para ver de cerca os traballos de escavación que se están levando a cabo nel.

Ademais, alumnos de Deseño de Interiores e Cerámica Artística visitaron recentemente as instalacións da empresa A Vida, Lighting concrete, Panels, Solutions, Atrezzo, Renting, en Lugo. Unha compañía en expansión, con proxectos nacionais e internacionais, que traballa con novos materiais e valora o traballo artesán, sen fronteiras entre exterior e interior.