Categories: Exposiciones

Agora que chega o entroido, é posible que teñas a sorte de coller uns días libres. Se é así, deberías saber que hai en Lugo algunhas exposicións que tes que visitar. A oferta é ampla e inclúe fotografía, pintura e deseño gráfico; de xeito que podes escoller o que máis che apeteza.

Se optas pola fotografía, achégate á La Ferretería Eventos & Co., no número 11 da rúa San Froilán. Ata o 15 de febreiro está aberta a exposición colectiva ‘Blanco y Negro’, coas obras de varios fotógrafos emerxentes. Entre eles, por certo, atoparás máis dun nome que che será familiar, porque algún é ou foi alumno da nosa escola. Aínda que son artistas que están a dar os seus primeiros pasos, poderás comprobar que talento teñen de sobra.

Quen prefira a pintura atopará unha proposta moi especial na Galería Clérigos. Este histórico local da cidade de Lugo vén de anunciar o seu peche despois de dúas décadas de actividade. E o encargado do adeus non podía ser outro que o pintor, poeta e gravador José Vázquez Cereijo, o mesmo artista que inaugurou a galería no ano 1995. Esta exposición, titulada ‘Selección. Anne Nikitik’, inclúe moitas lembranzas das viaxes polo mundo de Cereijo. Ata o 26 de febreiro podes pasar polo número 5 da rúa Clérigos para gozar delas.

E por suposto, estás convidado a visitar a exposición ‘Philosophia’ na EASD Ramón Falcón de Lugo, con traballos do estudio de Xosé Teiga. Esta mostra estará aberta ata o luns 15 de febreiro e podes visitala dentro do horario de apertura da escola: de luns a xoves, entre as 9:00 e as 14:00 e entre as 16:00 e as 20:00; e os venres só en horario matinal.