Villa E-1027, deseñada e construída a finais dos anos vinte por Eileen Gray en Roquebrune-Cap-Martin (Francia), é unha das grandes iconas da arquitectura moderna. O filme The Price of Desire, dirixido por Mary McGuckian e estreado en 2015, narra a controvertida historia entre a influínte deseñadora e Le Corbusier con relación á autoría da obra.

Os alumnos da EASD Ramón Falcón de Lugo tiveron a oportunidade de asistir a unha proxección da longametraxe o pasado 23 de marzo. Foi unha presentación a cargo dos alumnos de Construción I de Deseño de Interiores. Encargáronse de analizar o contexto histórico no que se construíu a casa, falaron dela con todo detalle e por suposto, presentaron a vida e a obra de Le Corbusier e Eileen Gray.

Para dar unha nota de cor á xornada, os alumnos de primeiro curso de Deseño Gráfico e Deseño de Interiores lograron que os anos vinte invadisen a sala. A partir de agora traballarán sobre distintos aspectos nas materias de Tecnoloxía Dixital e Volume, respectivamente.