Chega o bo tempo, a calor, o verán… e con eles á Desconexión nos dous sentidos da palabra 😉

Por un lado, o traballo do ano vese recompensado co lecer estival e, polo outro, a nosa tradicional Desconexión, a sétima mostra de traballos da escola!

A cita vai ser o vindeiro xoves 16 de xuño e comeza ás 18:00 horas cunha proxección de traballos audiovisuais no Salón de Actos. A seguir, poderemos ver toda a mostra expositiva cos gravados, as cerámicas, os proxectos de deseño de interiores e os traballos de deseño gráfico, as fotografías e as serigrafías elaboradas por vós e que son representativos de todo o que facedes, e ben, na escola durante o curso escolar.

Mais non habería Desconexión propiamente dita sen un espazo para gozar de estarmos todos xuntos e poder compartir bos momentos. Para iso, nos xardíns da Escola teremos os Agassi Djs, algo para picar e unha boa conversa.

Tedes plan mellor? Pois apuntade: xoves, 16 de xuño a partir das 18:00 horas na Escola de Arte e Superior de Deseño Ramón Falcón. Non faltedes!